
Puchades é un mago que vive en Mondoñedo, a cidade máxica que veu nacer a Cunqueiro.
Cunqueiro era o mago da palabra, e con esa palabra e coa escrita fixo nacer mundos e xentes, recreou historias e lendas, abreunos os ollos cara a lugares que nunca existiron (ou si) máis ca na súa imaxinación, e legounos uunha riqueza de ilusión que sempre estará ó noso dispor.
Puchades é o mago das mans prodixiosas que fai xurdir da materia fría a vida tanxible, as formas e as lembranzas, construíndo esculturas que un sabe que son humanas porque coñece ó escultor e goza da súa amizade.
Puchades ven de ser investido Fillo Adoptivo da Cidade de Mondoñedo, e cando os que o coñecen preguntan por que non Fillo predilecto que as cidades reservan para os seus fillos máis esgrevios, descubren que Puchades naceu en terras valencianas, veu para Mondoñedo hai moitos anos, polo que o de Fillo Adoptivo é distinción similar á de Predilecto e, se me apuran, algo máis porque ven dicir que alguén que en principio é de fóra conseguíu ser mindoniense dos primeiros mindonienses- polo seu talante, polo seu traballo, pola súa dedicación, pola súa vida.
Puchades, fillo de artista, pai de artista, ve asi recoñecido o seu destacado mindoniensismo, a súa bonhomía; a súa arte e a súa persoa. E todos os seus amigos estamos por iso cheos de ledicia, agradecendo esta distinción como se a recibísemos cada un de nós.
Claro que (¡Pillo!) Puchades ten un segredo para ser considerado un dos millores mindonienses, Fillo Adoptivo de Mondoñedo, segredo que non rebaixa en nada os seus méritos senón que os engrandece. O segredo chámase Alicia, mindoniense de nación, que durante varias décadas foi bibliotecaria da cidade, modestísima, traballadora, dedicada. Moito, moitísimo, ten que ver Alicia nesta adopción, e en que Puchades teña tan altísima estatura artística e humana. ¡Felicidades ós dous!.