Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡O muro da vergoña de Fonfría do Camiño!

jueves, 22 de julio de 2004
As dez familias de Fonfría, (Pedrafita do Cebreiro, Lugo), están enfrontadas por mor dun muro construído en pleno Camiño de Santiago. Inseguridade e indefensión é o que sente a maioría ante o abuso e a prepotencia por parte da familia causante e a pasividade das autoridades encargadas da defensa e da protección do Camiño.

Do sete ó once deste mes, a familia da casa de turismo rural construíu un muro de pedra invadindo parte do Camiño e fechando tamén parte da praza. Os veciños, ó ver a obra comezada, o mesmo día sete, denuncian o feito ante a Garda Civil. O domingo (día 11) ó ver que seguen as obras, sen que ninguén apareza por alí avisan, de novo, á patrulla da Garda Civil e a axentes do Seprona. O doce (luns), xa rematada a obra, avisan á Delegación de Cultura (Patrimonio-Lugo) e chaman ó notario que levanta acta. Os veciños ratifican que o camiño e a praza foron sempre de uso e dominio público e paso obrigado (para a entrada ó adro e á igrexa parroquial) dos fregueses, as procesións e cadaleitos dos defuntos. Os da casa de turismo rural declaran ós veciños (e á prensa) que a praza e Camiño ocupados son da súa propiedade. Ó lle preguntaren polo permiso de obras dice que "Turismo(?) lles mandou asear os accesos á vivenda e que eles se limitaron a cumprir as recomenacións da Xunta". Ese é o resumo dos feitos.

O muro de pedra, co camiño e a praza achicados, seguen á vista, para vergoña da Xunta/Xacobeo, do Concello, da propia parroquia e escándalo para peregrinos. ¡Van 15 días sen aparecer ninguén, agás a inspección da Delegación de Patrimonio de Lugo, que fixo unhas fotos, pero sen que ninguén faga nada!. Todo segue igual. Peor. Detrás do que parece unha minucia, hai unha morea de problemas graves. ¡O Camiño segue a estar desprotexido e os veciños algo máis ca disgustados!. O menos que se pode decir é que hai inercia por parte dos organismos oficiais con obrigas e competencias no Camiño. ¿A quen se lle vai cargar a desfeita?. ¿Só ós donos da casa rural?. Os veciños son os máis perxudicados. Hai un dano físico e moral de imprevisibles consecuencias que debe ser cortado de raíz, canto antes, sen esperar que a bomba lles estale nas mans. O feito xa está a producir angustia, a rachar a convivencia e a sementar liortas e inimizades. Para máis escarnio, isto sucede (¡parece unha bulra!) cando as nosas autoridades presumen da abondosa e modélica vixianza do Camiño (40 axentes da Garda Civil, 12 de Tráfico, 20 de Caballería, Policia Autonómica, SEPRONA, Protección Civil e os servicios do Concello). Todo iso anunciado a bombo e platillo no País e no extranxeiro.

Este "caso de Fonfría do Camiño" non sucede por casualidade. Chove sobre mollado. Os veciños estan algo cansados, bastante mosqueados e a piques de se lles esgotar a paciencia. Chegan a pensar que os toman por lerdos sendo todos testemuñas de ver, con frecuencia, que nas cousas mal feitas do pequeno e o privado, a inspección actúa cunha celeridade pasmosa e cando se trata doutras, ou non aparece ou vai dando largas ó tempo. Moitos xa se lembran da copla popular: "A chumbeira da xustiza (¡non vin cousa somellante!; colle os peixes pequeniños e deixa fuxir os grandes".

Esperamos que isto remate ben (¡en xustiza que traiga paz!) e axiña, para que non se estrague máis a convivencia. ¡Que os responsables do Camiño cumpran coa súa obriga; os causantes da desfeita, desfagan o "mal feito!" e o resto busquen saída xusta e digna, para que o feito sexa o menos traumático posible!. Se se acada a verdade e a xustiza, non vai perder ninguén: ¡ganamos todos!. Ésa é a teima da maioría dos veciños (tamén a miña) xa que non queremos máis problemas no pobo, mergullado dabondo, nun pleito, evitable e innecesario, que non buscou, nin quixo, nin quere.

Gracias.

Fonfría, a día 22 de xullo do Ano Xubilar 2004.
Xesús Mato, Cura de Fonfría do Camiño
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES