Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras, tempos e votos

miércoles, 18 de mayo de 2011
Compás social

Todos sabemos que a quinta esencia da democracia son as palabras, os tempos e os votos. As palabras de todos, os votos de todos e a xestión dos tempos de todos, tanto dos políticos como de tódolos cidadáns. Sen esas regras, que exclúen toda violencia de palabra e de obra, non hai democracia real.

As palabras de todos, sen exclusións, son o instrumento esencial para establecer as regras de xogo democrático e, incluso partindo de desconfianzas previas, acadar unha lealdade firme e estable entre múltiples partes, unha lealdade sen ambigüidades. Pero a palabra pode desfigurarse ao longo dun proceso, valéndose da polivalencia semántica da linguaxe, da verbalización saturada de persoeiros e grupos político-mediáticos que se arrogan o dereito de ser donos asoballantes da palabra, mesmo con exabruptos e manipulacións inaceptables. Por iso a primeira tarefa de todo cidadán é vixiar e sopesar o uso e valor das palabras dadas e acordadas.

A xestión dos tempos é unha estratexia fundamental tanto para os políticos coma para a consciencia individual e colectiva da cidadanía. Os partidos políticos buscan tempos e instantes propicios para sementar a “choiva fina” das ideas, dos sentimentos e identidades, para expor os seus proxectos e lexitimar as súas accións. Así mesmo tentean tempos de silencio para que sexan esquecidas as promesas incumpridas e as posibles falcatruadas. A nosa vez, os cidadáns necesitamos tempos para avaliar resultados, para reafirmarnos ou decepcionarnos, para confiar de novo ou para maldicir enganos. As adhesións inquebrantables concedidas de antemán poden ser inxenuas e perigosas.

Na realidade concreta, o voto é a única ferramenta directa de que dispón a totalidade da masa cidadán, só atinxible cada certo tempo. Ese acto soberano sen dubida algunha está sempre condicionado polos feitos pasados e polas palabras dos tempos previos. Por iso a maquinaria electoral dos partidos corre veloz sementando fermosas promesas e descualificacións dos adversarios. Eses escenarios preelectorais, a veces sublimes e a veces ridículos, poden reafirmar ou destruír en parte a credibilidade da crase política. Pese a tódolos condicionantes, o voto libre e secreto segue sendo a arma esencial da democracia.

Neste intre temos un problema, un serio problema: a distancia abismal entre as palabras da crase política e a realidade dos feitos concretos está levándonos a unha desconfianza global. As conversas confidenciais, máis aló das enquisas e manifestacións convencionais, son un indicador significativo do desacougo da cidadanía que percibe unha democracia bloqueada por demasiados frontes: partidos blindados, escalada das corrupcións, listas pechadas, problemas institucionais acumulados, deterioro da linguaxe política ata perder o respecto a si mesmos e a moitos grupos de cidadáns. A lista deses desatinos podería ser interminable, mais non debemos ancorarnos en relatos perversos.

Razóns para ir a votar? Si, moitas e de moito peso. Mesmo dende unha perspectiva individualista, a responsabilidade polo ben común inclúe tamén o ben propio. A participación da dereito a esixir a crase política de tódolos banzos: municipal, autonómico, estatal e europeo. O silencio, o retraemento, a pateadura, o desentendemento non constrúen nada. Temos que ir a votar, incluso sabendo de antemán que moitos dos graves problemas actuais seguirán enredándose ou quedarán en vía morta. Nas eleccións municipais, co coñecemento directo dos candidatos, é posible unha decisión máis afinada.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES