Unha galega en Dusseldorf
Editorial - lunes, 16 de mayo de 2011
Representaba a España nun festival televisivo que parece remontar o decaemento de hai uns anos, e por primeira vez unha galega chegaba a representar á canción española nunha mostra que se ten considerado a gran ocasión anual para todos os artistas europeos.
Neste caso, Lucía, rapaza de Góo, nas terras profundas lucenses do Incio, nas que hai moitos séculos andivo a cristianar San Eufrasio, o Varón Apostólico, vía confirmada unha traxectoria longa a pesar da súa fresquísima mocidade- que a levou por todo tipo de festivais, por todas as emisoras, comezando pola local Televisión Lugo, para pasar a Televisión Galicia, e por fin a toda España. Agora, a toda Europa, que a fin de contas Eurovisión non é un final senón un comezo.
E sempre, cunha ledicia interior admirable, cun entusiasmo e dedicación, só comparable co de súa nai, que desde que era unha nena que quería cantar foi o seu mellor apoio, e a primeira admiradora. Sen esquecer ó histórico Chema Purón, que soubo ver a xoia que existía nesta rapaza cantora galega, e conduciuna e segue a levala por camiños que el tan ben coñece e que tan bos resultados nos está dando a todos os que queremos e admiramos a Lucía.
Que unha galega chegue a representar a España en Eurovisión, aínda que o festival sufra importantes eivas, é importante para ela e para a Galicia artística. Que Eurovisión se manifeste nas súas votacións como un reino de Taifas que mercadea cos votos, non resta o máis mínimo de interese polo festival, do seu nivel artístico e social, e da pica posta en Dusseldorf en toda Europa- por esta rapaza que ten moito que dicir na nosa música, na nosa terra.
Serrat perdeu a ocasión de ir a Eurovisión e de arrasar con La, la, la, porque se empeñou en cantar en catalán como mostra de afirmación da súa terra e o seu idioma. Pois, o que son as cousas, Lucía rematou a súa actuación con un Moitas grazas. Aí queda eso, Europa.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora