Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dona Diáspora nas beiras do Río da Prata.

jueves, 12 de mayo de 2011
A nosa sempre disposta dona Diáspora asistirá a unha serie de celebracións que en Bos Aires e Montevideo lembrarán ao Día das Letras Galegas. Aínda que leva moitos séculos de singraduras no seu lombo non quere perderse o convite dos irmáns emigrantes residentes nas capitais da Arxentina e do Uruguai. Alí ten centos de amigos e milleiros de coñecidos que latexan ao mesmo ritmo que as ondas do mar de Fisterra e que se emocionan cada vez que diante do Pórtico da Gloria admiran a obra do xenial Mestre Mateo.

Quere achegarse ao Centro Cultural do Partido da Estrada para ver a exposición “Inmigrantes ayer y hoy” e falar un pouco con Carolina Roig sobre a xente das comarcas de Tabeirós-Terra de Montes. Buscará recordos e comentará cordialmente con Carolina de que alí entre tantos retratos iría moi ben unha foto de Carlos Gardel. Non calquera imaxe senón a máis famosa que é onde aparece con sombreiro e camisa de raias feita en Montevideo en 1933. O que a fixo foi un estradense, o fotógrafo preferido de Gardel, Xosé María Silva Fernández, que nacera en Montillón na parroquia de Santo André de Souto.

Irá tamén ao café literario Montserrat para escoitar a fermosa voz de Graciela Pereira nalgún tango de autor galego. Quizais sexa “Arrabalero” ou “Garufa” ou poida que algún vello tema de “El Viejo Pancho”. A neta de Lalín ten unha especial sensibilidade e unha excelente formación xa que foi a alumna predilecta do gran humanista Antonio Pérez Prado. O neto de Parga escribiu en 1994 na presentación do disco Terra Meiga: “Nadie hizo en estas playas de la diáspora gallega lo que tu hiciste y nadie podría hacer lo que te propones y vas a lograr, sin perder, ni la sonrisa ni la paciencia, a pesar de todo”.

Cando o domingo cedo estea cruzando o Río da Prata no rápido barco de “Buquebus” estará desexando chegar ao porto de Montevideo para ir axiña ata a rúa de Tristán Narvaja. Ten que atopar a David Pezzano, agora libreiro e antes de 1970 alumno do Liceo Rodó, que sempre lle garda vellas edicións de revistas montevideanas cheas de imaxes que a enchen de morriña. Na feira é onde mercará a camisola de Peñarol para o neto “celtarra” de dona Valentina de Tines. O mozo de Calo [Teo] está abraiado coa historia futbolística do Uruguai e di que aquela pequena república merece todos os eloxios. Das súas canchas [por certo, unha palabra de orixe quechua] saíron os mellores xogadores de América nos primeiros 50 anos do século pasado; sen esquecer que dentro das ringleiras aurinegras xogou un “gayego” chamado Xoán Pena que foi o primeiro gran goleador do fútbol uruguaio.

O luns pola mañá irá correndo ata unha oficina do Rexistro Civil que está nos baixos da Intendencia Municipal [concello] para ver de localizar a partida de nacemento de Obdulio Jacinto Varela.

Cando fale con Cristina Fernández comentará que Obdulio leva dous apelidos enteiramente galegos: Varela [=varilla] e Muíño [=molino] polo que o Gran Capitán debería de recibir o nomeamento póstumo de “Cidadán Honorario de Galicia”. Tamén lle pedirá á neta da Pastoriza [Lugo] que fale co seu amigo Daniel Viglietti sobre Obdulio. O gran intérprete de “A desalambrar” é un bo amigo de Galicia e amigo persoal do presidente Mujica. Trátase de que a vida exemplar do heroe de Maracaná ---foi decisivo na victoria dos celestes--- sexa coñecida polos escolares do Uruguai. Hai un trío de grandes homes que os uruguaios deben manter sempre no máis alto: Artigas, Gardel e Obdulio.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES