Rexeitando o sarcasmo
Cardalda, Theo - miércoles, 11 de mayo de 2011
DESDE O PREGUNTOIRO: REXEITANDO O SARCASMO
O xefe do Banco de España Fernández Ordoñez, volveu outra vez a pedir a baixada de soldos para os traballadores. Este home segue dándolle á barrila a esgalla, cunha cantarela que da pé para agardar outra falcatruada máis contra a clase traballadora. Poida ser que este Sr. vexa no horizonte virtual aqueles brotes verdes dos que falaba o Sr. Zapatero. Por certo, foi quen o designou para ese posto.
Ten vostede razón Sr Ordoñez, vindeiro Premio Nobel de economía. Se lle deron o Premio da Paz a Barack Obama, máis méritos ten vostede, desta maneira imos paseniño desprestixiando ao químico Alfred Nobel. Hai que ter unha jeta frita para dicir: ...os salarios crecen abondo..., seguro que o dixo cando saboreaba unhas boas lagostas á Armoricaine Bretaña cuns delicados viños brancos ao acubillo do seu miserable soldo de 194.148 euros anuais. Non fala das subidas constantes da electricidade, combustibles, alimentos etc. Isto é unha vergonza. Os capos do sistema financeiro español, comezando por este suxeito, tiñan que estar facendo traballos para a comunidade, ou pechados nunha cadea de máxima seguridade.
En tempos de eleccións, o normal é que os políticos (non todos) falen e prometan o caneiro cheo sen lles importar os tempos de bonanza ou de crise. O que cómpre, é mandar para a casa por medio do voto a moitas ducias de políticos mangantes e con eles a estes directivos como este xefe do Banco de España. Temos que rachar co bipartidismo que manteñen a estes impresentables personaxes das estafas financeiras, rexeitar esta bicéfala para parvos que impuxéronnos por decreto dos medios e do truco electoral da Lei D`Hont.
Nesta democracia baixo mínimos, se de votar falamos, fronte ao bicéfalo Pastor Alemán... ¡Viva o Can de Palleiro!.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora