Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

20 anos da Banda de Vilalba

viernes, 06 de mayo de 2011
O 14 de abril de 1991 presentouse oficialmente a Banda de Música de Vilalba, e polos membros da Banda invitóuseme a facer a presentación, como vilalbés e como xornalista. E fixen aquela presentación, honrado e agradecido.
Pasaron dez anos, e exactamente o 14 de abril de 2001, a Banda celebrou os seus primeiros dez anos. Tamén fun chamado. Tamén aquí estiven facendo a presentación dos dez anos que cumpría a nosa banda.
E pasan outros dez anos, chegamos ó 23 de abril de 2011, e a Banda cumpre vinte anos. E volvo estar aquí, chamado para facer a presentación. E esta invitación prodúceme unha emoción especial, nunha reiteración afortunada que é fermosa pola posibilidade da celebración, que é excelente para Vilalba porque ten unha banda viva, maior de idade en calidade e en experiencia, vital, consolidada e prestixiada, con permanencia garantida pola música e pola constancia, pola vontade e o traballo.

A cifra dos vinte anos ten algo de máxica. E se unha das cancións máis interpretadas fala de que “vinte anos non son nada”, moitos dos presentes sabemos o curtos que poden ser vinte anos; o longos que poden ser vinte anos; a inmensidade do peso de vinte anos no conxunto dunha vida.

Pero se vinte anos na vida dunha persoa é unha cifra importante, mesmo fisicamente, na vida dunha colectividade é aínda máis importante, pero a repercusión “física” é menor. Sen embargo, os vinte anos que para unha persoa son o paso da nenez á mocidade plena, da mocidade á madurez, da madurez á vellez, nunha agrupación, calquera colectivo, pola paulatina renovación dos componentes é sinal de vitalidade, de actualidade, de existencia plena... E cando a marcha é ascendente, como no da nosa Banda vilalbesa, vinte anos é a consolidación definitiva, o cumprimento dunha “folla de ruta” plena e brillante que garante décadas de música e centos de músicos vilalbeses exercitando a súa vocación, a súa paixón.

Nos vinte anos da nosa Banda sentimos ledicia plena –estou seguro que ese é o sentimento que nos embarga a todos os presentes- pola consolidación dun proxecto, a cristalización dunha idea, porque moitos soños se ven realizados nestas rapazas, nestes rapaces, que viven a música dun xeito gozoso e total.

Cando aparece esta Banda de Vilalba, 1991, levábamos os vilalbeses sen ter unha banda de música desde 1948, 43 anos, e tiñamos auténtica fame musical, xa que Vilalba foi sempre un pobo acaneado pola música, inspirado e animado pola música en calquera das súas manifestacións.

Consta que houbo banda en Vilalba xa no ano 1850, que eran dúas en 1880 – LA LIRA e DEL SUR- que ó fusionarse fan nacer en 1884 a BANDA DE VILALBA que ata a súa morte en 1925 dirixiu Santiago Mato Vizoso. E volven nacer dúas bandas: a ANTIGUA BANDA MUNICIPAL e a NUEVA LIRA que fundou Celestino Currás Guntín.

E en 1948 desaparecen as dúas. A ANTIGUA BANDA MUNICIPAL, que dirixía Santiago Mato García, coa súa morte fai nacer a ORQUESTA MATO. E a NUEVA LIRA, de Celestino Currás, pasa a ser a ORQUESTA NUEVA LIRA. Os Matos e os Guntíns serían os protagonistas da música vilalbesa dos anos cincuenta, sesenta, setenta, oitenta... Pero faltábanos unha Banda.

Sábese que houbo coros en Vilalba desde 1882, nacendo nese ano o ORFEÓN VILLALBÉS que tamén dirixía Santiago Mato Vizoso. E logo os DOS MONAGUILLOS, O DA CAPILLA, O CORO DE DAVID GUIZÁN EIMIL, O DO PAI REMIGIO, JUVENTUD ANTONIANA, FILLAS DE MARÍA... hasta cristalizar na venturosa presencia da POLIFÓNICA VILALBESA, que naceu como MASA CORAL VILLALBESA en 1962, dirixida agora por don Uxío García Amor – que afortunada é Vilalba por contar co seu maxisterio e coa súa bondade¡ - agrupación que o ano que ven cumprirá medio século de meritorio servicio á cultura e a Vilalba.

Cando nace esta banda de Música era alcalde de Vilalba Agustín Baamonde García, hoxe deputado no Parlamento de Galicia. A idea xermolou cando era alcalde José María García Leira, que apoiou de xeito ben decidido o nacemento desta agrupación. Cando se cumpriron os primeiros dez anos, García Leira era o Presidente do Parlamento de Galicia. Agora, liberado de responsabilidades políticas, segue a ser un rapaz vilalbés con entusiasmo por todo o que se refira a Vilalba, e cunha voz que lle permite dar leccións a moitos, acreditando que leva a música nas veas e o canto no corazón.

Para que esta banda nacese hai vinte anos (que son vinteun se temos en conta que a primeira actuación foi no venres santo de 1990), tivo que haber primeiro un conservatorio de música –primeiro dependente do da Coruña, logo independente, sempre apoiado polo concello vilalbés, promovido polo concello vilalbés - onde os nenos e os rapaces vilalbeses aprendían a base de toda música, entraban pola porta grande neste maravilloso mundo que nos envolve, nos conquista, e nos embarga. E tivo que nacer públicamente esta Banda na sala do Centro Cultural Recreativo de Vilalba, porque Vilalba non tiña aínda este magnífico auditorio onde si xa puidemos celebrar o décimo aniversario.

Cando hai vinte anos naceu oficialmente esta banda xa tiña a autonomía que da o estar constituída como Asociación Cultural, e estaba presidida por Manuel Carreiras – Lindsay, para os amigos- e dirixida por José Guntín Currás, Pepe Guntín, que moitos anos atrás tivo a paciencia de ser o meu profesor de música, e os alumnos que daquela estudiábamos maxisterio sentábamos nos bancos da escola de súa irmá Ofelia, na parte máis alta da Porta de Cima, para tratar de aprender os rudimentos do solfexo. Pepe Guntín tocara batería, saxofón, contrabaixo e piano-órgano na Nueva Lira, e compuñera música sobre textos de Cármiña Prieto Rouco. Deixounos fisicamente hai tempo, pero nunca nos deixou de todo porque gardamos del memoria certa de home garimoso, entrañable, que vivia a música como unha relixión.

E eu hai vinte anos renunciei a chamarlle a esta agrupación NOVA BANDA, porque entendía e entendo que non era unha nova agrupación, senón unha Banda renacida. Eu creo firmemente que esta é a mesma banda que naceu a finais do século XIX e desapareceu cando nacíamos os rapaces do meu tempo . E que, polo tanto, recolle toda a tradición, toda a historia, todos os entusiasmos, toda a fe e toda a música daqueles esforzados músicos doutrora.

No momento en que naceu a banda xa tiña 34 compoñentes. Deles, oito aínda permanecen na actualidade en activo dentro da banda.outros que xa non están veñen reforzar á actual plantilla nesta actuación. Noraboa ós veteranos pola súa continuidade, forza musical e entusiasmo... Vós sodes o mellor exemplo no que poden mirarse os máis novos, os que foron chegando despois.

Nun acto coma este hai que deixar constancia do esforzo e tesón dos que fan posible, marcando o rumbo, a existencia dunha colectividade musical. De novo, a nosa lembranza para Pepe Guntín, que a dirixiu ata 1993; para Xosé Rodríguez Ramos, trompetista da banda da Coruña e mestre no conservatorio vilalbés, titular ata 1995. E recoñecemento especial para o que desde hai dezaseis é o director da Banda de Vilalba, Cesar Concheiro Guerrico, Profesor no Conservatorio Superior de Música de A Coruña.

Hai vinte anos eu abogaba porque esta banda medrase e se fortecese, desexando que nós, os nosos fillos e os nosos netos pudiéramos vela e escoitala. Que fose algo noso, recuperado – xa- para sempre.

Pois nada mellor para enxuiciar unha iniciativa, a traxectoria dunha institución ou unha persoa, que deixar que pase o tempo. O paso dos anos vainos dar xusta medida da posta en práctica das súas potencialidades iniciais… De se efectivamente o seu nacemento era producto dunha necesidade, dun sentemento, e esa necesidade e ese sentemento foi adubiado con agarimo e traballo para conseguir unha realidade a nivel das expectativas iniciais.

E o certo é que as expectativas iniciais da Banda de Música de Vilalba cumpríronse á perfección, e todos nós, xuntos ó seu arredor para celebrar o seu vixésimo aniversario, somos a proba que non faría falla pero avala calquera opinión que sobre o tema puideramos dar.

É unha banda, viva, con alma, como o demostra en cada concerto. Na súa cohesión, no seu repertorio, na incorporación de novas pezas en cada concerto. Na marcialidade, na profesionalidade, na seriedade, na uniformidade, na dedicación.
É unha banda viva e con alma, que organiza periódicos concertos na memoria do seu primeiro Director, cun festival que leva o nome de Pepe Guntín.

Viva e con alma, deixando constancia desa vitalidade en gravacións discográficas ou en actuacións senlleiras.
É unha entidade con vida propia, con identidade propia, con escudo propio, que dedica unha especial atención ó espallamento do feito musical, pero tamén á investigación, e primordialmente á formación dos seus compoñentes. É unha banda vilalbesa que colabora coas máis diversas entidades, contribuíndo á formación dun tecido asociativo cultural na nosa vila, sexan a Polifónica Vilalbesa ou Racing Club Vilalbés, a Ong Manja Awiri, a Escola de Teatro, o Hospital ou o Conservatorio, os Queixeiros de San Simón, ou a Feira medieval e as festas patronais.

Cando celebramos estes primeiros vinte anos, este “Suma e segue”, ostenta presidencia feminina – a titular é Alejandra Vázquez Noche -, e toda a súa directiva está formada por músicos da banda.

A festa de hoxe non vai ser máis que un punto de inflexión nunha traxectoria imparable, nunha que desexamos sexa historia interminable, da Banda de música das terras de Vilalba, que acadou hai moito tempo a súa maioría de idade, e chega agora á venerable idade de vinte anos, ocasión que todos xuntos estamos a celebrar.

Hai dez anos, nun acto coa este, eu fixen reconto dos antigos vilalbeses da música que estarían a escoitar a nosa Banda, coa ledicia de ver cumprido un desexo longo e profundo. E non me resisto a volvelos a mencionar agora, noutro escenario, nun tempo inmemorial, no ceo das xentes da música.

Foi Castelao, o teórico dunha Galicia “nai e señora”, quen soñou un Alba de Gloria no que os grandes galegos de todos os tempos se facían presentes na grande xornada do patrón de Galicia… Unha Santa Compaña de galegos gloriosos que tomaban parte no ceo dos galegos das celebracións do día grande de Galicia.
Como Castelao soñou para aquel día grande, podemos e debemos soñar hoxe aquí cos grandes da música de Vilalba, convocados pola música, que se fan presentes entre nós para participar nesta festa musical da Banda de Vilalba.

Ó conxuro da música podemos pensar que nos está a contemplar aquel José García, o músico que viña desde Lugo a Vilalba, aló polo 1850, dirixir a Banda dos vilalbeses… E con el veñen os que pouco despois, dirixían as dúas bandas vilalbesas, Constantino López Guntín, da Banda da Lira e Lorenzo Cascudo Lostre, da Banda del Sur.

En lugar de honra, paso lixeiro e semblante ledo, aparece Santiago Mato Vizoso, o que durante moitos anos dirixiu a Banda Municipal de Vilalba, na que se xuntaran La Lira e El Sur, que formou un coro para cantar na igrexa, e conseguiu o órgano para a igrexa parroquial.

Con semblante lento e andar pausado veñen logo o Señor Celestino da Porta de Cima – Celestino Currás Guntín-, o fundador da Nueva Lira, Antón de Grande, os Irmáns Currás, e Nicereta, e Maruja Pascual, e José María Pereira... E tocando cadanseu instrumento os músicos Gayoso, Lorenzo Cascudo e o Rayón.

Nesta Santa Compaña das xentes da música, alba de groria de Vilalba e dos vilalbeses, vemos pasar ós autores que puñeron letra a zarzuelas e cancións: Manuel Mato Vizoso, José Cacharrón, Carmiña Prieto Rouco... E perdoade se a emoción me nubla a vista e mesturo nomes e profesións, pero xúrovos que nese magno desfile van o músico Manuel Currás Guntín, e os directores Victor Mato Grandío e Juan Fernández Teijeiro-Juan de Grande, que vos dirixiron ós da banda hai moitos, moitísimos anos.

Cada quen co seu instrumento pasan José Quintela Miragaya co seu acordeón, Don adolfo co seu violín, os irmáns Vicente e Luis Mato... Pepe Mato, Alberto Mato, Olaso, os irmáns Rifón...
Edelmiro do Marceliano, que seguro atopou no ceo un lugar tan fermoso como a nosa común Porta de Cima, ven fachendoso –coma sempre- tocando a gaita... e Pepita García Mato parece facer exercizo cos seus dedos para obter as mellores harmonías celestiais como aquí no órgano da nosa igrexa. E Santiago Mato, o meu veciño da porta, toca un saxofón pero tamén dirixe un imaxinario colectivo musical.

A aparición imaxinaria neste día grande dos que forman parte do estado maior do ceo vilalbés da música, vaise conformando con centos e centos de persoas coñecidas ou anónimas, cantores ou músicos, que sorrín ou chiscan un ollo, que miran para nós con agarimo, con complicidade, como dicíndonos que estamos – que estades- no bo camiño. Que así se fai música, que así se fai Vilalba, que así se fai patria.

Dicía Castelao que cando pasa a Santa Compaña dos grandes e inmorrentes, perdéndose na espesura dunha foresta lonxana, “con esa mesma imaxinación vemos saír da terra nai unha infinita moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substracto insobornable” de Galicia. E viña concluir que esas luciñas que quedan tralo paso dos grandes son mostra da enerxía colectiva que nunca perece, “esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre”.

Que sempre, todos os anos, aínda que só o celebremos solemnemente cada dez, nos deades oportunidade amigos e amigas da Banda de Vilalba de contemplar o desfile inmaterial dos nosos devanceiros da música sorrintes diante da vosa existencia e das vosas interpretacións. Que todos poidamos ver cos ollos da alma este desfile de xentes amigas que soñaron unha Vilalba musical que vosoutros contribuides a facer realidade.

Que de hoxe en dez anos poidamos vernos todos xuntos, aquí, co mesmo motivo que hoxe nos reune. Pola música, pola Banda e por Vilalba!.

(Texto da presentación da Banda de Vilalba, no seu XX aniversario).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania