Chiringuitos
Editorial - martes, 03 de mayo de 2011
O que comezou sendo denominación de tenderetes provisionais instalados nas praias e lugares de aglomeración para atención de turistas e visitantes, evolucionou e incrementou a súa presencia entre nós. E hoxe chiringuitos chegan a denominarse os organismos da que en tempos se chamou Administración institucional, que resultan ser empresas, xerencias, institutos ou similares denominacións que as Administracións crean para axilizar o seu funcionamento.
A Administración central, autonómica, provincial ou local ten unhas normas de funcionamento que constriñen de xeito importante o desenvolvemento da súa actividades, xa que están regulamentados ó máximo todos os procedementos, precisamente como garantía de solvencia, imparcialidade e igualdade de trato.
Por eso as institucións, para dinamizar o seu funcionamento, adoitan constituir outras entidades menores que non precisan de tantos trámites, son moito máis flexibles para adaptarse ás normas do mercado, e permiten que a Administración, indirectamente, funcione como unha empresa. A eso se lle deu en chamar chiringuitos, porque moitas veces sirven para canalizar temas que na Administración non serían doados de abordar ou de levar a bo termo.
Nos tempos en que a Administración era boiante, medraron estes organismos de xeito desaforado. Agora, que toca aforrar, estas entidades menores ven en perigo a súa existencia. De feito a Xunta, nestes dous últimos anos, xa fixo desaparecer 41, e en canto pasen as municipais abordarase o futuro de outros 82, para determinar se é posible prescindir deles, asumir as súas funciones directamente polo organismo autonómico, e transferir os seus traballadores ou rescindir os seus contratos, segundo a severidade coa que se deba afrontar o recorte.
Este é o signo dos tempos: adelgazar a administración, recortar gastos, aforrar en definitiva para cumprir os obxectivos de eliminar o déficit, axustando á realidade presupostaria a complexa organización administrativa da que nos fomos dotando nos últimos tempos.
Os chiringuitos están ben para as praias, para as festas, para un acontecemento determinado xa que precisan escasa infraestructura e desaparecen en cuestión de horas. A Administración nace con vocación de perdurar. Pero cando toca a recortar, todos sabemos por onde hai que facer os recortes, por onde a Administración é menos Administración, por onde o imprescindible pasa a ser superfluo. Despois das eleccións poderemos comprobar ata onde hai que recortar para poder seguir camiñando.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora