Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza de amor para esas outras nais

jueves, 28 de abril de 2011
Naturalmente que hoxe a miña canción, a miña poesía, o meu amor, a miña pregaria, todo o meu ser, vai para todas as nais. As que foron, as que están a ser e as que serán. Mesmo para aquelas que nunca chegaron a ser. Para ti, benquerida muller universal, para ti, os meus parabéns, os meus respectos, a miña lembranza agradecida.

Son fillo dunha muller da que non lle sei a cara, pero si o amor. Non lle sei os agarimos, pero si os sacrificios. Non lle sei os milagres, pero si sei que morreu dando vida. Nunca me crucei con ela, pero sempre está gozosamente presente e aparece alentadora en todos os meus camiños

Por iso quero cantarche a ti, nai, muller universal. Sempre miro pausadamente, por se foses ti aquela nai que eu non coñecín. E vouche dicir un segredo: Na faciana de cada unha de vós, sempre atopo algo daquela cara para min descoñecida, pero que imaxino. Ti axúdasme a ir facendo o retrato vital e total da que eu ando a procurar. E confésoche que me emociono por dentro cada vez que te vexo cos teus fillos. Quero darche as grazas, a ti, muller universal, Eva orixinal, nai dos viventes e vitalidade. E en ti, cada día, desexo traballar un mundo novo para lograr a túa felicidade. Hoxe, día da nai, día de festa, parabéns a todas. Faltaría máis. Está todo moi ben merecido. Noraboa, nai!

Porén, cando lle dou a volta á medalla, querida muller e nai universal, tamén vexo esas Marías do Venres Santo, pegadas a todas as cruces. E teño de pedir perdón pola cantidade de mulleres que a cotío estades a morrer en cada recanto do mundo. Para ti, muller de ollos tristes, de feridas sangrantes e corpo magoado, para ti, hoxe non é festa.

Por iso todos os fillos/as do mundo ergueremos a nosa voz para que este día da nai de 2011 marque un fito universal dunha nova cultura: NUNCA MÁIS OUTRA MULLER MORTA NIN MALTRATADA POR NINGUÉN. Loitaremos xuntos a nosa indignación. E dime o corazón que algún día venceremos nós.

Vexo a cotío nais e nenos no cárcere. Nunca tal vira! Para ti, muller, que viñeches ao mundo con corazón de poesía, ollos de amor e vocación de felicidade, para ti o mundo tornouse cárcere: A propia casa, o leito, os secuestros, a prostitución, o comercio de persoas, a falta de formación, a cousificación de todo o teu ser como muller obxecto, mesmo nos anuncios dos xornais que a cotío fan negocio contigo, etc. E din que iso non ten nada que ver coa ética. Para que seguir enumerando prisións. Aí, nunca! Nin ti, nin os teus nenos. En ningún penal. Xa penas abondo tes na túa vida, meu ben!

Para ti, muller universal, pero de carne, corazón concreto e alma sufrinte, atrapada en calquera rede de dor e de morte, para ti, quero pedirlle ao poeta Agustín García Calvo os seus versos e a Amancio Prada a súa música e deliciosa voz. Porque hoxe queremos cantarche emocionados un grito de liberdade, un himno de rebelión que nunca termine:

Libre te quiero como arroyo que brinca de peña en peña, pero no mía.
Grande te quiero como monte preñado de primavera, pero no mía.
Buena te quiero como pan que no sabe su masa buena, pero no mía.
Alta te quiero como chopo que al cielo se despereza, se despereza, pero no mía.
Blanca te quiero como flor de azahares sobre la tierra, pero no mía.
Pero no mía, ni de Dios, ni de nadie, ni tuya siquiera.

Podes escoitar a canción en:
YouTube - LIBRE TE QUIERO.- 3 Mar 2008 ...
Poema de Agustín García Calvo. Canción de Amancio Prada.
www.youtube.com/watch?v=usQOXD9f_N0


REFLEXIÓN PERSOAL. XAQUÍN CAMPO FREIRE, MANDIÁ. DÍA DA NAI, 01-O5-2011.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES