Memoria á memoria
Luaces, Xaime - martes, 26 de abril de 2011
Cando eu era pícaro, no réxime que chegou a ser orgánico, querían que tivera memoria para aprender as súas teimas contra aquelo que, por exemplo, a miña familia era. Memoria para aprender ridículas cancións nun idioma que para min era tan estranxeiro coma invasor. Memoria para aprender as ladaíñas da secta afincada ao poder, sinón ao poder mesmo.
Este 18 de abril, sábado, fun a O Fontao, en Abellá, concello de Frades, canda outros, a facerlle homenaxe a tres dos tantos asasinados por defender pensamentos coma os que alí estabamos: Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez (o asturiano) tres gloriosos manueles nun acto que foi promovido por xente (como non pode ser doutra maneira) culta, garimosa, afectiva, simpática e con outras cualidades innatas de persoas intelixentes, persoas que non asoman a testa para que os vexan na foto, porque eles non teñen tempo para outras cousas que non sexan cultura e país.
Agora que son maior, o goberno que furgalla nesta terra, non quere que eu teña memoria, que hai que esquecer, sen rancume, coma se os mortos das cunetas estiveran alí pola súa culpabilidade, ¿de que?, ¿de querer ser libres e cultos?.
Como se as súas familias non tiveran dereito a agasallar a súa memoria con frores regadas das súas bágoas. Malacentellamecoma!.
A este paso non vou saber distinguir un órgano dun piano.
Barón de Herbón Xan da Tolda

Luaces, Xaime
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora