Cinco millóns
Editorial - lunes, 25 de abril de 2011
En tempos, as cifras máis sobranceiras contaban turistas, millóns de turistas. E se o turista dous millóns resultaba homenaxeado, a verdadeira homenaxe a xeito de canción levouna El turista un millón novecientos noventa y nueve mil novecientos noventa y nueve.
Agora, contamos parados.
En tempos, a cifra de turistas ía in crescendo cada ano, para satisfacción de todos os que considerábamos que o país medraba proporcionalmente ó aumento da cifra de visitantes. Agora, a cifra de parados non deixa de aumentar, e mesmo o Ministro de Traballo recoñece que imos chegar ós cinco millóns de persoas sen traballo, aínda que outros estamentos do goberno rexeitan facer este recoñecemento público.
A cifra foise incrementando paulatinamente a medida que a crise foi avanzando na nosa sociedade, e non leva trazas de parar como a crise non ten visos, xa non digamos de rematar senón de remitir. E o Ministro coida que a esa cifra pode chegarse dependendo da evolución da poboación activa.
Parece incrible que un Estado moderno poida seguir funcionando cando casi cinco millóns dos seus membros non teñen un posto de traballo, e viven dos recursos públicos, ou malviven sen públicas axudas. E máis incrible parece que poida seguir funcionando un goberno que ve que cada curto período de tempo centos de miles de persoas engrosan as cifras do paro, sen poder facer nada, ou sen que as inicitivas que se tomen fagan reaccionar favorablemente o colectivo social.
Cinco millóns de persoas son cinco millóns de traxedias. Pero incluso unha soa persoa é unha traxedia. O Goberno tenta reformar a negociación colectiva como solución a parte importante do problema. Hai que desexarlle sorte, que o seu éxito será o de todos. O seu fracaso tamén.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora