Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tomiño homenaxea a Faustino Rey Romero

viernes, 15 de abril de 2011
Corenta anos despois do seu falecemento en Buenos Aires, as parroquias de Amorín e Currás celebran diversos actos para reviviren a memoria do crego e excelso poeta Faustino Rei Romero, que durante moitos anos exercera o seu sacerdocio naquelas terras tomiñesas. Antes tivera ao seu cargo outras parroquias: Cela (Mos), Barcela (Arbo), A Guía (Tui)…Pero onde en realidade chantou as súas raíces este crego nado en Isorna, Rianxo, foi en Amorín.Desde alí adoitaba viaxar en bicicleta para visitar aos pintores Antonio Fernández, Xabier Pousa e ao escritor Eliseo Alonso, en Goián,e un pouco máis lonxe, en Tebra, ao tamén escritor Xosé Luís Franco Grande. Con todos eles formou un circulo de amigos no que afortalou o seu pensamento galeguista, que a Real Academía Galega recoñeceu nomeándoo en 1950 académico correspondente.
Faustino Rei Romero ten unha sólida obra literaria (poética,sobre todo): “Doas de vidro”, “Catro sonetos ao destino dunha rosa”… “Poema das materias sagras” é considerado por moitos críticos o mellor libro de poesía teolóxica en galego. Outra obra súa “Escolania de melros”, é, probablemente, un dos libros da literatura galega da segunda metade do século XX que máis eco atopou a nivel popular. Segundo o profesor X. Ricardo Losada, que pronunicará as conferencias en Amorín e Currás, Rey Romero situouse conscientemente nunha tradición poética galega que se remonta á Idade Media. A importancia da súa obra radica en que nunha época de fortes influenzas vangardistas e experimentais na que a tradición e o popular estaban deostados, reivindicou unha poesía clásica e accesible, única forma, ao seu entender, de que a literatura e o idioma propio prendesen no pobo galego.
Pero amais de estar dotado dunha especial sensibilidade poética, Faustino Rey Romero, foi un activista cultural, que nos anos 50 non era pouca cousa. Formou parte da fundación Pedrón de Ouro e do Ateneo do Ullán,onde cos irmáns Fermín e Luís Bouza Brey, Máximo Sar e outros coñecidos intelectuais puxeron en marcha a “Festa Viquinga” de Catoira. Aquí,no ano 1962, tiven a oportunidade, sendo eu moi noviño, de coñecelo e poder falar con el. Entón era unha pequena festa campestre na que lembro que estaban Otero Pedrayo,Francisco Fernández del Riego, Paz Camps, Fermín Bouza Brey,Máximo Sar, Maximino Castiñeiras e Avelino Abuín de Tembra, entre outros moitos. A min levárame o P. Seixas, outro crego do galeguismo daqueles anos.
Faustino Rei Romero pertencía a un grupo de cregos que formaban un movemento teolóxico precursor dos cambios promovidos anos despois polo Concilio Vaticano II. O tal “aggiornamento” da igrexa galega nunca se producíu. O nacionalcatolicismo, que así se chamou ao integrismo da Igrexa católica, estaba solidamente organizado. Os cregos pertencian prácticamente todos á “Hermandad Sacerdotal”, unha asociación ultraconservadora de inequívoca vinculación co franquismo. Este clima de abafamento político e eclesiástico obrigou a Faustino Rey Romero a abandonar Galicia. Primeiro, como capelán do celébre trasatlántico “Santa María”. Posteriormente decidíu quedar en Buenos Aires. Na quinta provincia galega atopou o clima necesario para exercer o seu maxisterio na parroquia de Balvanera, a onde acudía boa parte da colonia galega. Ali oficiaba boa parte dos da liturxia en lingua galega. Foron moitos os bautizos e casamentos celebrados no noso idioma grazas ao galeguismo de Faustino Rey Romero. Xaora esta homenaxe.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES