Xenio e Figura
Cardalda, Theo - jueves, 14 de abril de 2011
Desde o Preguntoiro: Xenio e Figura
Hai uns días decateime por casualidade que, hai sete anos Julio Anguita renunciou por escrito a paga de pensión máxima vitalicia que tiña dereito por ex parlamentario, dicindo textualmente: con la pensión que le correspondía como maestro tenía bastante. Anguita vennos a demostrar que non todos os políticos son iguais, que hai distintas formas de facer política con compromisos éticos e dando exemplo.
¿Que din agora os medios manipuladores, (en especial o xornal máis importante do país) cando lle chamaban hai anos desfasado?. ¿Que dirán estes novos ideólogos modernos que só pensan nas dietas, nóminas públicas e un futuro cargo nalgún Consello de Administración?.
Anguita, sen contarllo a ninguén, nin a eses medios mediáticos vulgares e populistas, indirectamente deulle unha patada no cu ao sistema e a todos estes evolucionados.
Tiven a sorte de coñecelo e falar con el persoalmente, unha vez en Córdoba e outra ceando no meu pobo (Vilaxoán de Arousa) e o considero unha persoa cunha conduta irreprochable, un político honrado desde os pes ata a cabeza, pero neste país de políticos arribistas, falsarios e corruptos Julio non tiña cabida. Entre tanta bosta nas cortes, ou te manchas ou te guindan.
Tamén ese grande medio de manipulación o acusaba con aquilo da pinza, poucos comprendían o discurso de Anguita, non se daban conta que a verdadeira pinza e tenaces era a do PSOE e a do PP.
¡Desfasado!. Tamén lle chamaban caduco e ancorado no pasado cando criticaba o Tratado de Maastricht construíndo unha Europa antisocial. O tempo lle dou a razón de que estaban metendo o raposo no galiñeiro, xa viña avisando o que ía a acontecer con esta estafa financeira que estamos padecendo hoxe a nivel europeo. Bendito desfasado.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora