Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parga, solucións ou chapuzas?

martes, 12 de abril de 2011
Compás social: Parga, solucións ou chapuzas?

Dende hai algúns anos a fermosa vila de Parga (Concello de Guitiriz) enfróntase a unha cuestión crucial: buscar unha solución axeitada ao paso da vía do tren que hoxe en día parte pola metade o centro urbano. As vías do ferrocarril trouxeron vida arreo durante 135 anos, pero hoxe convertéronse nun atranco de difícil superación. A vila creceu en parte en torno á vía, con dous pasos a nivel de vehículos e tres de peóns. Esta situación é insostible ante uns futuros trens de alta velocidade que esixen eliminar ese tránsito de vehículos e peóns, e valar lateralmente a vía férrea de modo máis seguro.

Que facer?
Propuxéronse dúas posibles solucións: ou soterrar a vía férrea ao longo duns 300 metros ou desviar o seu trazado pola parte norte da casco urbano. Calquera destas alternativas é viable. Calquera delas solucionaría definitivamente o actual problema do paso do tren e do estancamento urbano de Parga. Pero tódolos soños nesa dirección parecen terse convertido en frustración. Os xornais informáronnos de que o Concello de Guitiriz recibira un anteproxecto do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), no que propón construír dous pasos subterráneos para vehículos e peóns por baixo da vía do tren. Quen coñeza a estrutura urbana de Parga non precisa moita imaxinación para decatarse de que con esa proposta o corazón urbano da vila quedará partido e valado, e as incomodidades e perigos para os peóns aumentarán, especialmente para os escolares, persoas maiores e xente foránea dos días das feiras. A proposta de ADIF deixa todo como está e ofrece dúas chapuzas de mínimo custo, que logo inevitablemente deberán suplementarse cunha cadea de parches (quen os pagará?) no envellecido urbanismo de Parga, que deste xeito quedaría ancorado no pasado.

A autoridade municipal dixo na prensa que vía poucas alternativas á proposta de ADIF e que consultará cos veciños. Recentemente celebráronse dúas xuntanzas decisorias e decisivas para afrontar esta cuestión crucial para o futuro de Parga: un sesión plenaria do Axuntamento guitiricense e unha reunión convocada pola Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de San Estevo de Parga.

Axustándonos o relatorio dos xornais, na sesión plenaria do Axuntamento, a maioría absoluta gobernante (PSOE) rexeitou a proposta de reclamar a ADIF unha variante da vía férrea polo norte da vila, alegando que se aterán o que acorden os veciños de Parga. A súa vez, á xuntanza dos veciños convocados pola Comunidade de Montes en Mancomún acudiron unhas 60 persoas que acordaron manter os pasos a nivel tal como están na actualidade; e, ademais, decidiron pedir a ADIF que estude a posibilidade de desviar a vía férrea polos terreos do monte comunal do Rañón sito ao norte do casco urbano. Os veciños rexeitaron as propostas de ADIF en base a un razoamento esencial: esas propostas estragarían tres espazos urbanos emblemáticos da identidade e do urbanismo de Parga, que son o entorno do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), parte do campo e carballeira da feira con área recreativa e a ponte histórica do século XIV que cargará con todo o tráfico, cando o axeitado sería restaurala e, como Ben de Interese Público, deixala como paseo peonil.

As mellores razóns deben abrirse camiño
O descoñecemento das xestións feitas en anos anteriores e a escasa información que neste intre encontramos nos medios de comunicación, non permiten ningunha análise documentada; pero si, cando menos, formular unha opinión a partir dos elementos coñecidos. Parga atópase nunha encrucillada histórica decisiva: ou se esconxura agora o estrago proposto ou ese desaguisado condicionará negativamente todo o futuro. O impacto ambiental e o estrangulamento urbanístico serían irreversibles. Así como se fala dunha política de Estado de obrigado consenso, así mesmo hai cuestións municipais de ineludible responsabilidade conxunta de tódolos concelleiros. Atopámonos neste intre nunha encrucillada dese tipo. Así mesmo é obvio que os veciños de Parga afrontan unha decisión grave: deixar todo como está supón un perigo acrecentado, e ademais deixa definitivamente sen epicentro o casco urbano que agora está centrifugándose cara a fóra polas estradas. A proverbial unión dos veciños de Parga ten que evitar que agora a impotencia se instale no ánimo colectivo e paralice as súas xustas reclamacións.

Hai solucións, só falta vontade
Fronte a perspectiva de chapuzas en cadea hai, como xa dixemos, dúas posibles solucións claras e viables: soterrar uns trescentos metros de vía férrea ou desviala polo norte da vila. Ambas son caras, mais para iso está a cooperación entre administracións e o financiamento a logo prazo. Ou agora ou nunca. Está en xogo o ser ou non ser vila de futuro. A solución que máis problemas resolvería dun golpe é o soterramento das vías, que, ademais, posiblemente resultaría a máis barata a longo prazo. Coa tecnoloxía actual pódese construír un túnel estanco con plataformas laterais e con saídas ó exterior para os viaxeiros, coma se foran accesos ó metro. Liberando o terreo que hoxe ocupan as vías do tren, ese espazo central quedaría dispoñible para ser urbanizado e deste xeito dar cohesión urbanística e social á vila. Quedarían, ademais, abertas todas as posibilidades de modificar e ampliar os accesos ó centro urbano dende todas as estradas e camiños que concorren na vila. Quedarían a salvo os espazos urbanos emblemáticos agora ameazados polas chapuzas propostas, e, con máis tempo e calma, buscaríase un lugar axeitado para construír un unha nova ponte para o tráfico rodado, rehabilitando como paseo peonil a fermosa ponte histórica.

Esperemos que ningunha indolencia, ningunha improvisación, ningunha incapacidade política malogre unha mínima racionalidade urbanística necesaria para soñar co futuro da nobre vila de Parga, que ben merece un urbanismo acorde co seu espléndido entorno natural.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES