Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Amigo, ou escravo?

miércoles, 06 de abril de 2011
Sempre se dixo que o can é o mellor amigo do home; daquela, se o é do home, da muller con máis razón xa que foron elas, primordialmente elas, nos últimos séculos, as que lles acondicionaron as sobras da comida doméstica. Isto en pretérito, pois desde que nos masificamos nas gaiolas das urbes o can tamén cambiou de vida.

Tiña ganas de poñer por escrito estas reflexións, pero debo informar de antemán que igual serei algo subxectivo neste tema por…, ¡direino: por escrúpulos de conciencia!

No ano 1958, en pleno asedio de Ifni, Mary Paz, ¡estabamos en guerra, pero aquela criatura encantadora, entón unha nena, era a paz personificada!, regaloulle ao noso fillo Pedro Paulo un canciño precioso, de non sei qué raza, ¡hai tantas!, branquiño, de corpo pero tamén de alma. Si, de alma, porque aínda que a deles non sexa inmortal, Deus infúndelles o seu sopro vital, así que teñen unha certa forma de espírito, ou non serían dóciles.

Mary Paz era a neta do noso nunca ben ponderado defensor, aquel xeneral, laureado, ¡unha soa vez, aínda que en Ifni mereceu outra, pero as súas discusións e desobediencias con Franco eliminoulla!, Mariano Gómez-Zamalloa e Quirce, que ademais de valente era intelixente pois, do que non, non houbese elixido por esposa unha monfortina. Eu, servidor, que me criara no monte, no Montecubeiro, precisamente por non darlle ao obsequio a debida categoría e agradecemento, non aturaba ter secuestrada aquela marabilla da Creación, encerrada a maior parte do día nunha habitación, e iso que se trataba do piso dun Banco, nada menos que do Banco Exterior de España, Sucursal de Sidi Ifni, mais o cadeliño, listo si, pero de caixas fortes non entendía, nin tiña obriga. Propúxenllo á miña dona, e concordou comigo que aquela criatura encantadora merecía algo máis que oficiar de xoguete dun neno. Con nós, sempre con nós, non tiña liberdade, e tampouco ocasión de namorar, dereito inalienable de todo ser, por animal que sexa. Aos poucos cadeliños que había na asediada Sidi Ifni leváranos para as trincheiras do cinto defensivo, cinco a dez quilómetros terra dentro. Na cidade, na capital, as mulleres dos militares dedicaban os Asistentes dos seus maridos a lavarlles e pasárllelo ferro ás súas bragas, entre outras funcións propias daquel señorío, daquel imperialismo trasnoitado. Propuxémoslle ao entón Capitán, noso paisano e amigo, Blanco Roibás, de Palas de Rei, que se fixese cargo do cadeliño, manténdoo coas sobras do rancho, que non sería moito, pero algo sempre queda nas perolas castrenses, que así gozaría de liberdade, de liberdade montaraz, e de paso atoparía unha femia, dado que toda ou case toda a poboación canina da provincia ¿51?, seguía en vangarda.

Ao neno dixémoslle que o cadeliño se nos escapara nun descoido da mora da limpeza, que deixara aberta a porta do piso, e que aquel desertor tampouco volvera ao pazo do Gobernador… ¡Sufrimos todos, pero en ben da sacrosanta liberdade á que ten dereito todo semovente!

¿Por qué tiñan aos cadeliños nas trincheiras? Así as señoras quedaban máis desocupadas, máis despreocupadas, con máis tempo para xogar ás Damas no Casino, máxime con aquel asedio marroquí interminable, que lles rebaixara o número dos Asistentes, de dous ou tres a un! E logo que os cadelos entretiñan aos soldados atrincheirados, á vez que se poñían nerviosos, -os cadelos, pois os soldados, sempre-, se cheiraban, se se aproximaba demasiado unha xilaba, pero…, ¡non todo o monte é ourego, que en Ifni eran chumbeiras! O noso ex, aquel cadeliño, un bo día, ¡un mal día!, seica se apartou da súa Unidade de adopción para compracer unha cadela que quería festa, e fóronse de parrafeo por tras duns argáns fronteiros, poñéndose a brincar precisamente no sitio onde o siroco levantara a terra que disimulaba os arames dun acio de minas. ¡Can e cadela fóronse, ipso facto, ao paraíso dos cans, en pleno éxtase! En definitiva, que a liberdade é boa, pero os seus límites poden ser perigosos.

Aquel episodio faime obsesiva a miña preocupación pola vida señorial destes canciños actuais, peiteados, perfumados, arroupados incluso, pero…, ¡encadeados!

Descarto, por suposto, os cans dos cegos, os “policías”, os localizadores…, tan útiles á humanidade que merecen ser condecorados, e por ende, son necesarios, utilizados, optando sempre polo mal menor, mais, eses señoritos de compañía…? Destes voume compadecer.

Cans de caza que, despois de telos escravizados, toxeira vai e toxeira vén, cando torna a veda, ou cansan, ou estorban na casa, ¡veña, ao monte outra vez, pero desta para soltalos, para abandonalos nas quimbambas, nun lugar do que lles sexa imposible o retorno!

Cans castrados, en particular se son femias, para librarse de partos alleos. ¡Algunhas non queren os propios, para canto máis os das súas mascotas!

Cans pechados nas segundas vivendas, ¡para que as garden ata o sábado que vén, se volven! Neste caso, a despensa que lles deixan, é suficiente, axeitada, non se lles pasarán as viandas?

Cans celestina, para que, co meu de man, se pare a falar comigo, o veciño/a veciña, que tamén os hai que buscan, pero, tímidos que son, sen cadelo non ousarían declararse!

Cans que nos fan pasar pola vergoña de ter que agacharnos na rúa…, tras deles, por incontinentes!

Pararei, que estas formas de escravitude son innúmeras, e van a máis. Paro, pero invito a meditar: ¿fixemos, ou non, da raza canina unha raza de parias, de escravos? Alguén aínda dirá que lles estivo ben, por pasarse de dóciles! E teñen a súa razón, pois aos tiranos hai que ladrarlles a tempo, que despois, de apoltronados…, nin con missiles!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES