Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celmes de Buriz

viernes, 01 de abril de 2011
Celmes de Buriz Escríboche a ti, Xosefa (Josefa Rosende García) viúva do tamén finado Andrés Paz, os dous orixinarios de Buriz, Guitiriz.

Pensaches, voume. E fúcheste, viaxeira, tranquilamente, decentemente, na tua cama, da tua casa da Rúa dos Guardias, de Lugo, despois de noventa e seis anos fecundos. Noventa e seis case totais. Dez fillos, sete vivos; vinte e dous netos, trece de sangue e nove engadidos, e once bisnetos. Contando, por sangue de dereito e por amores, súmanme corenta e catro.

Misión abondosamente cumprida. O celme de Buriz foi propagado.
Xosefa: amaches, concebiches, pariches, criaches, en guia e en sobresaltos, supoño. Pero Xosefa, que alegría, viviches en plenitude o resultado, en persoa, muller, dona e nai.

A tua estadía foi un exemplario de coidados, de agarimos, de atención e de cariños afervoados. Sempre na tua casa, cos bicos e co amor cotiá dos teus. Como ten que ser.

No funeral de enterro na parroquia da Milagrosa, de Lugo, cantaronche os cregos, rezaronche os propios e os amigos nun adeus respetuoso e sentido.

Escrito isto, a min o que realmente me brota de min e me admira, é a entrega total dos fillos por unha nai total. Tal feito debería de ser común e corrente, pero na actualidade convértese en extraordinario. Por iso o destaco. Nestes tempos a ancianidade arrédase, ata esquecerse dela, en almacéns deshumanizados, en amor e en palabras de artificio.

Josefa Rosende, a señora de Buriz, finou na súa casa, raíña, dona e señora.

Xosefa: pasaron anos sen ter ocasión de cambiar unha palabra contigo. Quedo co recordo teu, co teu dicir sereno e coa tua face tranquila. Coa tranquilidade dunha muller que sabía que o celme de Buriz estaba preso nunha ampla saga.

Non sei máis que dicirche, Xosefa. Mellor non alongarei moito, entre outras, porque ti eres unha muller de rexa fe cristiá. E eu son o que son: un home coa fe perdida.

Agora ben, tamén che digo, que se falamos da fe tal como eu a entendo agora mesmo, teñoa e moita. Teñoa completa no celme de Buriz que ti e Andrés deixastes por aquí.

Quédome con isto, Xosefa. Non che pido que reces por min. Non paga a pena. Mellor rite de min ou conmigo, que calquera das dúas cousas é posible.

Polo de hoxe, polo momento, tratarei de disfrutar dos teus celmes de Buriz, e se cadra ben, polos anos que cadren ben cadrados.

Foi un pracer coñercervos e tratarvos. Un inmenso pracer, señora.
Sei que descansas, que descansades na paz. Nunha paz ben merecida.

Quedamos, pois, aquí, coas substancias de Buriz. É un conforto.


Muller cumprida
(a Xosefa Rosende García, finada o 23-03-2011)


Muller cumprida, inzo feraz;
graal glorioso, pano das feridas.
Muller do amencer, muller infinda
das horas de criar e das deshoras.
Muller en dez, ventre de dez,
cantos a dez, por dez, sufrida.
Perseverante nai,
honra e tesón, dona e amiga;
fértil tecelán, frutífera; fecunda.

Xosefa, dos Rosende, de Buriz,
que grande legado. Impresionante!:
Corenta e catro!
Na direta, decencia transmitida,
do leite dos peitos, que zugaron,
sangue, do teu sangue, concebida.

Na engadida, coma imáns traídos,
amantes e prendidos,
de entrañas veneradas; ben paridos.

Estás onde tés que estar,
no val da tua fe, urdido para ti
en noventa seis tempos do pasado.
Estás co teu Andrés,
cos teus máis achegados,
na illa pura, sen malicia e sen maldades,
onde existe só unha verdade
(incerta para min;
para ti, sabida).
Na tua illa dos laranxais dourados,
nun leito de azares florecidos,
brancos, de arrencendos abrochados.

Contigo, nun absoluto amor, o equipaxe,
sabendo, con certeza,
que, entre os dous, deixastes,
neste mundo entolecido,
a vosa compostura,
a esencia de Buriz,
o vivir decente dun linaxe.
O celme de Buriz, en monogamia,
con razas de nación en mestizaxe.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES