Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Pazo de Meirás

martes, 29 de marzo de 2011
O “Pazo de Meirás” era unha das mencións máis relevantes que Siniestro Total facía naquela inesquecible canción –“Miña Terra Galega”-, rompente e enérxica badalada a prol deste país.

O “Pazo” é todo un símbolo do que pasou neste país onde os Concellos e outros organismos competiron por facer alcalde honorario ou perpetuo, fillo predilecto ou presidente de honra ó dictador, nos trinta e seis anos que durou o seu férreo goberno.

Non foi pequena a acción da Deputación da Coruña conseguindo o Pazo de Dona Emilia para cederllo a Franco como doazón e que fixase nel a súa residencia de verán. E a que foi residencia desta galega escritora e muller avanzada convertiuse nunha das máis importantes propiedades visibles da familia do que durante case catro décadas impuxo a súa presenza e poder sobre todo o Estado.

Ate agora, unha cousa dicía a lei sobre os monumentos históricos e o seu acceso por parte do público, e outra facía a familia Franco co Pazo de Meirás. Hai pouco, solucionouse “post morten” un caso similar no histórico castelo de Pambre. Agora, por fin, aínda con fortes restriccións, o Pazo de Meirás tamén pode ser visitado polo público.

Van caendo, pouco a pouco, moi pouco a pouco, os reductos de poder e exclusividade, de xeito que alomenos poidamos ver o interior do que por fóra é símbolo de poder doutra época. No caso de Meirás, é un símbolo de cómo –mantendo a súa plena propiedade- a familia Franco ten que alomenos abrir as portas para poder ollar o que tanto tempo nos estivo vedado.

Coñecemos agora a noticia de que Carmen Polo fixo destruir parte do arquivo privado da Condesa de Pardo Bazan, que se atopaba no pazo, porque non lle gustaba algo do seu contido. Ese é un pecado –delito- de lesa historia que aí quedará como exemplo do que pode pasar cando a impunidade é a primeira norma vixente.

O Pazo de Meirás é un símbolo múltiple: da sumisión dun pobo e os seus dirixentes, da crenza de que os temas terrenais poden ser eternos, de que calquera propiedade ten que render tributo ó poder público, de que todos os galegos temos parte nel. Aberto ó público Meirás, as propiedades públicas galegas son máis grandes, e a nosa dignidade como pobo reforzase un pouco máis.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania