Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Guimarães, cidade Europea da Cultura 2012

viernes, 25 de marzo de 2011
Non son necesarias escusas para visitar Portugal. Para os galegos, por proximidade xeográfica e lingüística, aínda menos. Paisaxes, cultura, gastronomía, compras... hai centos de argumentos para cruzar hoxe a imaxinaria fronteira e gozar das terras lusas, pero o vindeiro ano teremos ademais un argumento, Guimarães é Cidade Europea da Cultura en 2012.

A capital do Val do río Ave ofrece miles de opcións para pasar uns días de vacacións ou para achegarse e descubrir a programación cultural. Un territorio con marcado carácter industrial, orixe do puxante mundo do calzado, o téxtil e incluso as coitelerías portuguesas, que conta cunha poboación moi nova e cunha historia tan rica que sitúa nesta localidade a orixe do pais e así reza nunha das súas construcións “Aquí nasceu Portugal”.
A fundación Cidade de Guimarães, baixo a presidencia de Crist
ina de Azevedo, está convencida de que Galicia é o principal mercado turístico de cara ao vindeiro ano e fai un esforzo por achegar a súa mensaxe ás nosas catro provincias.

Traballan intensamente para que todo estea listo. Teñen un casco histórico marabilloso e moi ben recuperado, un centro cultural, o Vilaflor, que é unha referencia pola súa intensa programación con espectáculos clásicos e vangardistas. É o caso da compañía de Olga Roriz, que pon en escena “Electra/a Sagração da primavera” que non deixa indiferente a ninguén. Tamén queren poñer en marcha unha orquestra sinfónica, un coro, crear riqueza e emprego coa instalación de novos negocios, con novas formas de visitar a cidade. Traballan no europeísmo e no seu programa artístico, que será presentado nuns meses e será moi amplo e variado. Dispoñen de 1.300 prazas hoteleiras, que chegarán as 1.500 no 2012. O Hotel de Guimarães, con catro estrelas e 116 prazas, é unha das hospedaxes de referencia da cidade, con SPA e inmellorables vistas, propiedade dunha familia da localidade e dirixido por Francisca Carvalho. Con dilatada experiencia no sector hostaleiro, dispoñen dun segundo hotel, o “Fundador”, e traballan na ampliación de espazos e habitacións.

Os irmáns Marques comandan na actualidade, despois de cen anos, a empresa Herdmar, dedicada á fabricación de cuberterías, unha das máis importantes de Europa, que fabrica 140.000 pezas diarias en Guimarães. Existen outras dez firmas no país luso neste sector con medio milleiro de traballadores e a firma dos herdeiros de Marques dá traballo a 115 persoas. Unha historia industrial que nacía relacionada co termalismo, tamén presente en Guimarães.

Sería imposible detallar os espazos de interese de Guimarães, pero cómpre destacar a nivel cultural, á marxe do recuperado casco histórico, o castelo, as igrexas e rúas, a Citânia de Briteiros. Un dos poboados proto-histórico máis importantes da Península Ibérica onde podemos ver a pegada dos celtas, a romanización e incluso a repoboación no medievo. Foi Francisco Martins Sarmento quen en 1875 iniciou os traballos de escavación do xacemento e quen dispón por certo dun interesante museo no que se poden ver moitas pezas de gran valor, entre elas a sorprendente Pedra Formosa.

En definitiva, un lugar para gozar pola súa riqueza propia e traballada, que acolle en 2012 un encontro de creadores e creacións, música, cine, fotografía, artes plásticas, arquitectura, literatura, pensamento, teatro, danza e arte na rúa. Ao longo dun ano Guimarães será a promotora da diversidade cultural que caracteriza a Europa.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES