Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha murguera gaiteira montevidena

miércoles, 23 de marzo de 2011
Aínda que ninguén a viu o certo é que dona Diáspora estivo aplaudindo con forza e moi emocionada na presentación en Bos Aires do libro “Yo, emigrante”. Nun abarrotado salón “Castelao” o Instituto Arxentino de Cultura Galega organizou un evento que marcará o novo rumbo na loita identitaria galega despois duns anos de escasa actividade. Alí na esquina de Belgrano e Pasco ten dous bos amigos, Carlos e Elena, que empurran con ánimo para que o histórico Centro Galego volva estar onde lle corresponde por tradición e responsabilidade coa herdanza emigrante.

O evento do venres 11 de marzo forma parte da historia da emigración xa é pouco habitual que dúas entidades unan esforzos para unha edición conxunta. Neste caso foron os de Santa Comba e os de Zas os que puxeron todos os pesos arxentinos necesarios para unha publicación na que se recollen anacos de vidas emigrantes na capital arxentina. As facianas das netas e dos netos amosaban un fondo orgullo ao escoitar as historias de crecemento persoal daqueles avós e avoas que viñeran de Varilongo [Xallas] e de Artón [Terra de Soneira]. Hai actos que son pioneiros e que por iso marcan un camiño. Neste caso concreto estáse a dicir que o futuro é a unidade arredor do manancial común chamado Galicia.

Tampouco puido dona Diáspora achegarse ata Montevideo para sentir “las lonjas del tamboril” e rir co bo humor crítico das murgas. Menos mal que se consola coas fotos e textos de Antón R. Castiñeira que estivo de vacacións pola Banda Oriental. Antón é un recoñecido xornalista nacido en Suiza e residente en París que amosa orgulloso que as súas raíces maternas están en Laxe. Leva anos exercendo a súa profesión en diferentes países polo que as súas apreciacións positivas sobre a actualidade uruguaia non están afectadas por ningún sentimento como o que poida ter dona Diáspora sobre Artigas, o Frente Amplio ou Peñarol. Di que é un país que está no camiño da recuperación cunhas altas taxas de emprego xa que a construcción inmobiliaria está medrando a bo ritmo. O que non lle gustou moito foi pagar 220 pesos por un “chivito” en Piriápolis. Supoñemos que Antón estaba nunha terraza da Rambla de los Argentinos no mesmo sitio desde o que Alfonso Rodríguez Castelao miraba o mar. Hai que entender que iso encarece calquera produto.

Dona Diáspora foi polo monte Gaiás para ver se atopa algún oco para que o Espazo Emigrante sexa unha realidade en calquera currunchiño da Cidade da Cultura. Cando ía cruzando a gran praza para admirar as cubertas, quedou paralizada. O vento -quizais harmonizado polas ondas da vieira de Peter Eisenman- trouxo moi clariñas as voces de “La Reina de La Teja” cantando: “Araca la murga compañera de un pueblo que construye su senda verdadera”. Foi un lóstrego de emoción que a levou a facer esforzos para oír a gaita de Lourdes Rey Fau arroupando ás voces de “Contrafarsa” en 1990. A chuvia non o fixo posible.

Os que saben de emigración din que nunca soara unha gaita galega nunha actuación dunha murga en ningún lugar do mundo. En Montevideo todos saben que hai só tres instrumentos para conformar a chamada “batería de murga” [bombo, redoblante e platillos de entrechoque]. Os aplausos do público foron efusivos e os comentarios posteriores na prensa moi eloxiosos para coa innovación introducida pola moza gaiteira. A noite da primeira actuación, ninguén reparou nas bágoas de alegría que escorregaron pola cara do pai bergantiñán que aplaudía satisfeito porque tiña unha herdeira na que confiar. Un membro de “Contrafarsa”, Edén Iturrioz, asegura que a actual batería de murga está inspirada nas bandas e orquestras dos galegos emigrados na capital uruguaia.

Estamos vendo a Lourdes pola avenida 8 de Outubro camiño do Parque Rodó. Vai collida da man de seu pai escoitando atentamente unha serie de relatos sobre o gran Ramón Collazo. O famoso “Loro” era tamén -o mesmiño que ela- fillo dun pai emigrante. Daquela aínda non sabía case nada de Carballo. O certo é que non viaxara pero coñecía ben a xeografía bergantiñá xa que tocando a gaita os seus ollos rebordaban cunha chea de fermosas paisaxes que descoñecía. Un instrumento máxico -sen dúbida- trasmisor efectivo de sentimento e música celestial cando os que os sopraban eran Pichel ou Pino. Coido que o Espazo Emigrante poderá contar coa emotiva páxina emigrante de Lourdes para homenaxear aos xenerosos músicos da emigración que deixaron a súa pegada de identidade polos fogares galegos da República Oriental do Uruguai.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES