Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Augas, políticos e cidadáns rurais

viernes, 18 de marzo de 2011
Compás social: Augas, políticos e cidadáns rurais

Nos últimos meses a prensa galega ocupouse dos parlamentarios, alcaldes e candidatos diversos de tódolos partidos galegos que peregrinan por vilas, parroquias e mesmo aldeas para explicar algo ao parecer difícil de entender: unha nova Lei de augas, aprobada o catro de Novembro/2010 no Parlamento galego, vai cobrar un canon polo uso da auga dos pozos particulares, das traídas veciñais e mesmo polos aproveitamentos da auga da choiva. Os cidadáns rurais escoitan músicas moi diferentes segundo cal sexa a cor política de cada relator.

¿É xusto que unha crase política, autonómica e local, que no pasado e no presente esqueceuse de dar servizo de auga corrente sanitaria a poboación diseminada, veña agora sen máis nin máis impoñendo o pago dun canón? Para poder responder esta pregunta sen demagoxias, debemos fitar algunhas caras da realidade concreta e analizar as esixencias da lexislación vixente sobre o uso e consumo de augas sanitarias no medio rural disperso de Galicia.

A realidade concreta. A consellería de Medio Ambiente, valéndose dos censos de vivendas e da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), ten datos anuais precisos sobre os sistemas de captación, uso e consumo das augas sanitarias e das residuais. Sabe que uns 350.000 habitantes rurais (un 13% da poboación) usan e consumen auga de mananciais e pozos sen ningún control sanitario oficial; tamén coñece que outro 10% dos habitantes rurais, unhas 170.000 persoas, teñen auga corrente grazas as traídas que eses cidadáns construíron co seu propio traballo e recursos económicos. Certo que esas modestas instalacións están quedando hoxe obsoletas e insuficientes para o servizo das vivendas e das novas necesidades agrogandeiras, e precisan ser renovadas.

Deixando a parte as comprobadas indolencias das administracións, hai que facer honor e xustiza a esas comunidades de veciños, pois, pese as precariedades e limitacións, as súas modestas traídas de auga corrente sanitaria levan funcionando razoablemente ben case medio século. Achegan augas naturais de calidade e cando sospeitan de posibles contaminacións, solicitan as pertinentes análises pagándoas do seu peto. O mesmo fan os usuarios de mananciais naturais e pozos. Non existe esa presunta desidia da poboación rural cacarexada agora por políticos e expertos interesados. O problema real está hoxe en que, se chega a seca ou a insuficiencia de auga polo motivo que sexa, o veciño ou veciños afectados xa poden encomendarse a santa compaña, pois o concello non moverá un dedo para sacalos do atasco e, ademais, posiblemente non faltará un garavanzo negro veciñal que embarre calquera solución razoable.

As normas legais. Neste eido do control e protección de tódalas augas, por ser un prezado ben público, temos unha lexislación actualizada nos tres banzos administrativos: Unión Europea, Estado Español e Comunidade Autónoma. No ano 2000 apareceu a Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo sobre a protección de augas, de obrigado cumprimento para tódolos países membros. En síntese, busca a protección das augas superficiais, subterráneas, de transición (doces - salgadas) e costeiras; a prevención e redución de contaminacións; a mellora dos sistemas acuáticos; atenuar inundacións e secas; controlar o bo estado ecolóxico e químico das augas. En definitiva, unhas orientacións moi razoables en principio, a realizar polos estados membros mediante Plans de xestión e Programas de medidas a executar dende 2009 ata 2015.

A Lei estatal 62/2003, no seu artigo 129, cumpriu coa esixencia de adaptar a Directiva europea 2000/60/CE a lexislación española antes de finalizar o ano 2003; e botou a pelota ó tellado das Comunidades Autónomas. ¿Por que os sucesivos gobernos galegos, bipartito e unipartito, non sacaron a Lei de augas ata o ano 2010, cando xa apuraban os prazos da Unión Europea? ¿Indolencias, teimas políticas, loitas no mercado electoral? Sexa cal sexa o transfundo real, estamos agora ante un escenario político-legal sorprendente: os tres partidos parlamentarios, que non acadaron un consenso mínimo en materia tan importante, están a punto de colmar un aldraxe histórico. É dicir, cobrar un canon polo uso e consumo de auga sanitaria ós máis de 500.000 habitantes rurais que tiveron que construír os seus propios pozos e traídas sen colaboración das administracións públicas. É isto xusto? Poderá ser arbitrariamente legal, pero non de democrática xustiza equitativa. Hai que dicir que a mesma Directiva europea, no artigo 9 e no anexo III, fala da recuperación dos custos das inversións e de tódolos servizos públicos prestados para controlar a calidade da auga, pero supón que previamente existen eses servizos e gastos públicos. No caso dos pozos e traídas veciñais, a Lei galega empeza a casa polo lousado: ante a dificultade de poñerlle portas ó campo, véndenos o favor de cobrarnos, mediante “estimación obxectiva directa”, un canon fixo duns 2,50.-Euros/mes/vivenda e outra cantidade variable de consumo (como mínimo doutros 3.-Euros/mes), dando como suposto legal que en cada casa viven cando menos tres persoas. Non coñecen as actuais soidades no medio rural?

Amortizar unha débeda histórica. O camiño de xustiza equitativa comeza por recoñecer unha débeda histórica coa poboación rural e interpretar correctamente o que esixe Europa. Calquera cidadán que se informe e reflexione pode acadar facilmente algunhas conclusións elementais. A chave do problema está na planificación do territorio, no control da cantidade e calidade das augas superficiais e subterráneas; pero isto aplicado ó medio rural disperso require que algún organismo das administracións asesore, obrigatoria e gratuitamente, a poboación rural sobre captacións adecuadas de acuíferos, análise da potabilidade das augas e das posibles contaminacións, defensa da prioridade absoluta de paso das conducións de auga sanitaria, estudio das necesidades actuais e futuras das instalacións veciñais, informe das mellores tecnoloxías actuais de almacenamento e aforro, etcétera. Na maioría dos casos non se trata de facer grandes infraestruturas de encoros asolagantes, senón de racionalizar e perfeccionar o que hai, as captacións para pequenas comunidades. Cando se presten eses servizos públicos de forma eficiente e continuada, entón será a hora de falar do reparto dos custos das inversións feitas e dos servizos públicos prestados. Mentres tanto só cómpre corrixir o aldraxante abandono histórico sufrido pola poboación rural diseminada que, en moitos concellos, aínda é máis do 50% da poboación municipal.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES