Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nube de seda na lúa e outros relatos (II)

jueves, 17 de marzo de 2011
Os meus parabéns a Xosé Luís Vázquez Somoza por este libro que supón a entronización do autor en solitario co mundo da literatura editorial e que ben seguro será o principio dunha longa, progresiva e esperada continuidade.

Ai! esta nube de seda que nos leva e envolve como a néboa nos castros e nas ribeiras dos ríos, ríos dos que non se olvidan os relatos (O Ferreira, O Miño, A Fervenza...) nos que as súas augas de seda esvaran pola carreira dos aconteceres temperados pola man de Xosé Luís que dende a ribeira do saber vai estirando o nobelo da argumentación ou envolvéndoo para que o avantar non sexa de enchente senón de lecer e apoucado cando as flores do acontecemento nolo pidan, coma o mito grego de Ariadna, filla de Minos, rei de Creta, namorada de Teseo ao que lle deu un nobelo de fío polo que o heroe puido guiarse para saír do labirinto despois de dar morte ao monstro (O Minotauro).
Tamén estes relatos son fíos, pero fíos de seda tecidos pola man de Xosé Luís que fan páxinas cheas de pracer na moreira dos gustos, fíos polos que se guía o autor e nos guía aos lectores que tamén estamos presos coma as avelaíñas nas arañeiras postas polo gran sabedor omnisciente dos sucesos, non sen antes ter que seguir o fío de seda que nos leva ata o final esperado, ou quizabes que non esperabamos, porque a seda que urde coas palabras do solpor e do abrente oufánanse en páragrafos acordados de poesía cando as descricións fan gala ou adobío dos seus traxes na festa alburgueira do relato.
Canto pracer ler estas historias noveladas, e digo ben, porque unha gran parte delas son verdade
1º porque os seus alicerces son feitos reais.
2º porque Xosé Luís cóntanolas con tal grao de veracidade ou verosimilitude que a súa fantasía está posta á habelencia dos lectores, que á súa vez van tecendo coa seda que nos dá; a súa fantasía, digo, contáxiase coa nosa verdade fundíndose no pensamento da acción e na nube extraordinaria da verdade.
Canta verdade hai nesta fantasía novelada!
Canta descrición envolta en soños!
Canta trama escondida no avantar deste fío que está sempre tenso, unhas veces envolvéndose co argadelo do autor e outras soltándoo coma un pescador do río Ferreira que aparece no relato (a miña referencia é ao río, non ao pescador).

Agora cómpre, Xosé Luís, que nos mergulles nesas augas, que nos guíes nesa nube, que nos ates ao tecido de seda que fixeches para o noso acomodo do pensar, para o noso acomodo do lecer, para subir ata esa nube envolta en praceres e en fracasos, escritos na lingua do pracer, na lingua nai, con palabras buscadas pola túa man de filólogo e de artista que pon o argumento coma unha escusa porque a verdade está na palabra, mais non nunha palabra calquera, senón na palabra con maiúsculas, que engordiño vai e vén, tece e destece, abre e cerra. Por iso, digo, o argumento é un pretexto para salvar o relato porque o que predomina é a poesía, a poesía das descricións enorgullecida pola trama que se alporiza, pero que as descricións deteñen tirándolle das rendas ao cabalo para que se deteña a pastar as delicias que se van perdendo nas pradeiras alongadas do relato.

Ai! esas descricións envoltas en sucre, en algodóns carpidos polas palabras que descansan nos xergóns da beleza... envólvente, e elas medran e ti medras no ceo dos parágrafos que se poñen alí onde se necesitan para que goces... e, senón, fíxense como escribe Xosé Luís en dous parágrafos escollidos ao chou...

Amencía, coma o día, a unha vida nova. Unha corrente sísmica percorría o corpo (ata os pés me atrevería a dicir se non me desmentise a evidencia). Un aluvión de efervescencias inquisitoriais arrastrou ata a clandestinidade os pensamentos fúnebres e as ganas de vivir habitáronme con ese ímpeto salvaxe que non admite prédicas. Unha luzada mesiánica franqueou as barreiras da realidade e apoderouse da miña alma, “Quero vivir”
Ou nestoutro

Aínda así, Atrofia adxectiva, podo sentir, podo nacer ao sol de cada día coa garavata da ilusión recentemente estreada, podo baleirar cada sensación no baúl triste das horas amargas ou no alegre das felices, podo auscultar as miradas co fonendoscopio cálido da alma, podo apalpar o aire melancólico ou desenfadado, podo ulir a vibración tensa do amor sen andar moitas pisadas, podo verter as horas satinadas de cariño en palafitas de recordos, podo atrapar nun ramo de margaridas os vaivéns frescos das hormonas en flor, podo proxectar a luz dos sorrisos nunha pantalla de nenúfares mates, podo durmir coas fiestras dos soños abertas...
E digo eu Xosé Luís, escribindo así, podes facer o que queiras porque a túa palabra SI QUE É LITERATURA

Vemos logo como Xosé Luís te vai levando paseniño, e non trates de impedilo porque non podes, has de deixarte ir, ás veces tremelando como a luz do cuarto, e outras gozando, sentindo, esperando aínda que te vaias canda ela, canda o argumento que moi axiña será un, ti e el, os dous xuntos coma parella concordada do relato, fundíndovos nas meles do avantar e nos elixires do bo saber e do bo facer.

Os meus parabéns para o autor e para o libro.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES