A esperanza no progreso
Rubal, Pedro - miércoles, 16 de marzo de 2011
Agora que os políticos se apresuran a tomar medidas anti-crise, quizabes sexa o momento máis oportuno para traer ó recordo dos lectores algunhas suxestións do filósofo alemán Hans Jonas, as cales, noutras ocasións, houbéranlles parecido ós grandes da política atrevidos desacertos, polo seu desacordo coas súas afirmacións de que a prosperidade dos seus respectivos países estaba garantida. E máis aínda, cando o filósofo ousa decir que a prosperidade de Norteamérica e Europa estaba fundada no gasto pródigo para soster o seu estilo de vida: nada menos que unha parte considerable da riqueza do planeta. Pero o interesante aquí é que todo o mundo fixo do manto un saio coas afirmacións do alemán, quen non puxo en dúbida un instante que estos países non ían tardar en sufrir un sensible menoscabo.
Non o comentábamos case todos, aínda que con menos aparato literario e argumental, pero non con menos sentido común?. É que non estaba presente nos faladoiros o comentario de que este tren de vida ia cunha velocidade tan vertixinosa que
haber quen o paraba?!. Opinaba Hans Jonas que o optimismo utópico deses países acabaría pagando un bo prezo, e por iso suxeríalles un realismo que ignoraron, e segue afirmando con contundencia que a advertencia dun mal maior sería non só a política máis verdadeira, senón, a longo prazo, tamén a máis efectiva, páx. 265, da súa obra El Pincipio de Responsabilidad, Ed. Herder, 1.995, Barcelona. Comparemos, pois, isto co desbordado optimismo dos nosos gobernantes fai pouco tempo e saquemos as conclusións, sobre todo á luz da actual situación.
Non é difícil tampouco encadear a todo isto a idea (utopía) do PROGRESO, que tamén é obxecto do interese deste filósofo, quen non nega que o individuo, no ámbito da moral, non poida mellorar gradualmente, non sexa capaz de progreso, mediante unha axeitada educación; pero pregúntase se hai algo semellante na colectividade, se se pode falar, incluso, dunha educación moral do xénero humano, o que, en termos antropolóxicos, podería expresarse preguntando se rexe para a filoxenia ( a especie) o mesmo que para a ontoxenia (o individuo). Certamente, todo progreso implica custos e cando se trata da ciencia adoita producirse a base dunha fragmentación do saber total disponible entre os científicos, e desta maneira o especialista ten que renunciar a case todo o saber, quedando só co estreito campo da súa competencia, e nin que dicir ten co cidadán da pé ten cada vez menos posibilidade de acceder a uns coñecementos tan extremadamente sofisticados e expresados nunha linguaxe esotérica, que deixa un espazo libre para os pseudosaberes e as supersticións. Evidentemente, desta maneira a colectividade queda lonxe do progreso, aínda que sexa, claro está, no eido da moral.
O progreso técnico pode levarnos a unha confusión de medios e fins, especialmente cando pretendemos remover a técnica do seu papel de medio e convertela nun fin. Dí Hans Jones que isto, cando ocorre, pon ó homo faber por encima do homo sapiens.
Cabe, pois, cuestionar ata onde o progreso da ciencia e da técnica contribúe á moralización xeral, dito doutra maneira, implica o progreso científico e técnico o progreso moral da humanidade?. Sen dúbida, os bos resultados da investigación científica e a correcta aplicación da técnica son un BEN para a humanidade, pero tamén poden resultar un mal, e, por tanto, neste lugar só cabe unha afirmación ambivalente. Seguramente haxa que ter moi presente que cando un estado posterior propiciado pola ciencia e a técnica avantaxa ó anterior hai verdadeiro progreso, e isto pode constatarse polo que puidera chamarse vantaxa anti-entrópica, é decir, verificando un menor desorde e menos perda de enerxía, o que non sempre é fácil.
Sen embargo, faise moito máis difícil ponderar o progreso moralizante das institucións sociais, por algo que nos explica o mesmo filósofo nos seguintes termos:
vese un tentando a sentar como regra que, canto máis próximo a esfera moral se encontra algo na vida colectiva, tanto máis improbable é có progreso sexa a súa forma natural de movemento: o moralmente máis neutro é o medido segundo uns criterios totalmente obxectivos, onde todo o máis é un mellor, correspóndese sen lugar a dúbidas moito mellor co perfeccionamento acumulativo, páx. 275, ibidem. O que equivale a dicir que, neste contexto, o PODER é mellor que o SER. Pero cun poder despótico e unha explotación económica propiciada polo mesmo, non hai progreso moral colectivo, senón unha indiscutible regresión.
Penso que a diversa aplicación do termo PROGRESO ben merece unha atención especial, aínda que quede moi lonxe de esgotar o seu campo semántico, pois, incluso, cabe progresar, evidentemente, cara ó mal; pero contra o que debemos estar moi precavidos é contra a borracheira do PROGRESISMO, que arrastra á irresponsabilidade, facendo crer que xa se chegou a un nivel histórico no que non cabe substantivo retroceso, senón que mecánicamente se avanza ata o infinito; afrouxar as caravillas da cautela humana é dar lugar a que irrumpa de novo a barbarie no mundo (En tradución libre das Obras Completas de Ortega y Gasset, Tomo V, Páx. 328). E segue afirmando que o despreocupado do futuro, o progresista, baleirou o mundo de proxectos, anticipacións e ideais. Algo, todo isto, que non lle é difícil extrapolar ó lector ó noso momento actual, incluso con nomes propios, que confundiron a autenticidade de certos progresos coas propiedades atribuidas, a lixeira, ó mesmo progreso, de necesidade e irreversibilidade.
Que o home progresou na historia, con relación o seu pasado, é incuestionable, pero é falso cando atinxe o porvir, porque non hai certeza de que progresamos a mellor ata que podemos xulgar os feitos a posteriori, xa que verdade é o que agora é verdade, e non o que se vai a descubrir nun futuro determinado (OC, VI, 22).
Todos os cidadáns, pero os políticos moito máis, temos a obriga de ser cautelosos coas afagadoras esperanzas dun progreso futuro: sabemos algo do que foi e do que está sendo, pero o que será ignorámolo e non o podemos aventurar. A todo isto hai que engadir que non estamos nunha situación cumulativa, na que as últimas xeracións súmanse, sen máis, a empresa dos adultos; estamos nunha situación eliminatoria ou polémica, expresándose nas categorías de Ortega, porque a nosa mocidade discrepa dos seus pais e avós. E, xustamente, é nestas épocas nas que non se sabe moi ben que pensar nin que esperar; é un vivir en crise, en sentido amplo, que, en opinión deste filósofo español, é a maneira de vivir cando perdemos as nosas crenzas, nas que nos apoiamos. Cabe interpretar isto algo así como se o home, por non saber que esperar, vive na desesperación: nestes casos o progreso xa non lle serve de apoio, séntese enganado, que tampouco é unha actitude máis correcta que a da confirmación extrema. No noso caso, en España, coa crise económica (e de valores) ó lombo, temos a impresión dunha certa desorientación de fondo. Só, pois, nos queda aceptar a realidade, que é a medida da nosa entusiasta confianza nun progreso irreal.

Rubal, Pedro