Lume na meda
							Piñeiro Gzlez., Francisco - jueves, 10 de marzo de 2011
							  De cando en vez, convén subir ó faiado das lembranzas para non esquecer de onde vimos. Este sinxelo exercicio de íntima reflexión permite descubri-los nosos alicerces individuais e colectivos, apaga-la fogaxe social e reconduci-las nosas enerxías.
           
Para todos aqueles que precisan formatear de novo a concordia social no seu disco duro mental intentarei descargar nestas catro liñas algúns arquivos da idiosincrasia galega que, noutrora, marcaban os límites dos conflitos particulares para arrima-lo ombro, sen reticencias, ante  unha situación de emerxencia.  
     
A máis sobranceira, sen dúbida algunha, era a reacción colectiva cando o lume prendía na meda. Falo por experiencia. Ata os enemigos máis ancestrais da familia damnificada se sumaban á cadea humana afanándose en facerlle voar á auga dos  caldeiros por riba das lapas. A ninguén se lle ocorría apaga-lo lume con gasolina, nin mirar dende a fiestra e moito menos rir, aplaudir ou tirar foguetes. Non era tempo de diferencias porque o pan, alomenos daquela, era sagrado. Hoxe comeza a ter máis transcendencia e admiración discutir que música debe levar o cascabel do gato que agarrarse a el, sen pensar que seremos o seu próximo bocado.
Poderiamos describir mil exemplos onde as personas sabían aparca-las  xenreiras: incendios de montes de man común, arranxos dos camiños veciñais, reconstrucción das presas destruídas polas riadas, etc... e por suposto calquera disgracia humana ou da facenda. En ningures estaba escrita a  lei que obrigara, agás na conciencia humana, é dicir no coñecemento compartido, facultade que permite ás personas distinguir entre o egoísmo personal e o ben da comunidade.. 
     
Ó parecer hoxendía a conciencia colectiva, sendo filla de todos, anda orfa. Moitos xa a guindaron ó lixo e outros témola   arrecantada no escuro faiado do esquecemento. Iso explicaría a actitude da maioría dos cidadáns modernos e avanzados ó considerarnos exentos das obrigas que traspasen o límite do proveito propio, privilexio adquirido coma contrapartida  de termos ó día os recibos dos nosos impostos. Esta bula económica outórganos o salvoconduto para exercer de francotirador, na contra dos poderes e servizos públicos, esixindo  un cumprimento ético ó cal nós pouco ou nada contribuimos ó  andar sentenciando tópicos, aireando falares ou executando moitos dos nosos propios actos. Que o fagan eles para iso cobran! Se anda metido aí é porque lle interesa
 Nun incendio cruzámo-los brazos, ou para que están os bombeiros? O lixo tirámolo o chan; para algo estarán os varrendeiros!
 Se neva, a culpa é da administración, etc...       
Ó parecer, nós como cidadáns ou somos perfectos ou non temos culpa de nada. Esiximos honradez  e transparencia ós políticos, administradores e funcionarios, o cal é loable, agás cando nós mesmos  atallarmos para obter privilexios. Daquela ata aireamos con fachenda que se conseguiu grazas a un amigo. 
Chegamos a tales extremos de sabedoría que entendemos de todo. Con enceta-los titulares dos xornais sóbranos; o demais xa llo amecemos porque todos son iguais.
Reflexionemos. En verdade, tanto nos cidadáns de a pé, coma nas administracións ou nos políticos, non queda ninguén en  quen confiar? Alguén terá que haber! Posiblemente non saia nos medios de comunicación porque iso non vende. Teremos nós o interese de buscalos e arrimarnos a eles ou será máis doado seguir remexendo ata envorcallarnos todos na mesma dinámica?. Se os programas da televisión son puro lixo e ninguén os ve, como acadan logo as altas cotas de audiencia? Se os políticos defraudan pola súa desunión e por buscar partido, entón quen lles outorga os votos? 
      
Hai algo que non cadra e témolo lume na meda. Opinar, con respecto e con ánimo de construir, é un dereito e unha obriga, pero lembremos o que dixo Machado: 'Si cada español hablase de lo que entiende, y de nada más, habría un gran silencio que podríamos aprovechar para estudiar  
            
Ningún pobo progresa  sementando diferenzas  senón xuntando esforzos e compartindo querencias. Aprendamos dos noso propios pés que sendo un de dereitas e outro de esquerdas
camiñan xuntos toda unha vida. Tan só é unha opinión.
               
(Antonio Machado)
							
							
 
							Piñeiro Gzlez., Francisco
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora