Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xa pasaron trinta anos

jueves, 03 de marzo de 2011
Pavillón de repouso: Xa pasaron trinta anos

Hai trinta anos eu era un mozo que daba os primeiros pasos na miña carreira profesional como médico. Veño dunha estirpe rural e proletaria e non sabía o que me ía deparar o futuro. Daquela tiña participado na comarca de Barcala, como actor secundario, en diversos proxectos da nacente democracia: na creación dunha asociación cultural, na oposición á instalación dunha celulosa á beira do río Tambre e nas primeiras mobilizacións agrarias. Sobre estes temas publiquei algúns escritos na prensa daquel tempo. O meu amigo Manolo Tuñas lembraba hai pouco esa época no seu blog (plazadocoton.blogspot.com).

Son de carácter pacífico e conciliador. Procuro sempre comprender as razóns dos demais. Pero un día cheguei á casa dos pais e atopeinos moi preocupados. Recibiran un aviso de parte dunha persoa principal da vila: "Calquera día vaivos aparecer o fillo nunha gabia, e nunca se saberá quen lle pegou o tiro". Souben, definitivamente, onde estaba o meu sitio: xusto onde non estean os inimigos da liberdade, fronte ós violentos que utilizan a ameaza e a forza para dominar.

Lembro perfectamente o 23 de febreiro de 1981. Acompañei un amigo a Pontevedra por unha oferta de traballo e, de regreso a Santiago, soubemos da ocupación do Congreso por membros da Garda Civil e da saída dos tanques ás rúas de Valencia. Foi unha noite de temor, por nós mesmos e polo futuro do país. Agora hai voces que frivolizan interesadamente o asunto. "Pero se non pasou nada, todo foi moi teatral", din alguns. Non é certo: había unha trama civil e militar moi elaborada para atentar contra do proxecto democrático. Os feitos foron moi graves: un grupo de militares secuestra o Parlamento e o Goberno empregando as armas e ameazando de morte: "Se hai un apagón, disparen", dixo Tejero.

Non pasou nada pero, de prosperar o golpe, poderían ocorrer cousas moi graves que devolverían o país ás catacumbas do franquismo. Non é posible calcular, cando se produce un pronunciamento violento, as consecuencias que del se van derivar. De seguro que habería violencia, listas negras, mortes, desaparecidos, terror e persecución do contrario. Por fortuna, e pola actuación valerosa de certos actores principais, fracasou o intento de involución e puidemos seguir adiante, na procura dunha vida mellor para todos. No mes de agosto dese ano naceu meu fillo Paulo..
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES