Indignación
Cardalda, Theo - miércoles, 02 de marzo de 2011
Desde o Preguntoiro: Indignación
¡Indignádevos! é un libriño escrito hai tres meses por Stéphane Hessel que cos seus 94 anos en só dous meses vendeu máis de 2 millóns de exemplares. Stéphane Hessel, foi un loitador pola liberación de Francia na resistencia, estivo en dous campos de concentración e colaborador do general De Gaulle. Neste libro fai unha chamada de atención para que non nos resignemos ante a que está caendo en toda Europa.
Non estou seguro se a xuventude de hoxe dáse conta da sociedade na que estamos vivindo, metidos na bosta ata o pescozo por mor dunha ditadura financeira, política e mediática que ameaza a paz e a democracia. Son poderes financeiros que o queren todo. Non sei se saben que están a xogarse a liberdade e os valores máis importantes do ser humano. Parece que viven nun conformismo e indiferenza aínda que moita desta xuventude indígnanse ante o que está pasando fronte ás medidas desa ditadura dos mercados, fronte os recortes sociais e laborais e a deshumanización. Non entanto, non só chega coa indignación se non vai acompañada de medidas como as que comenta Stéphane Hessel, que fai un chamamento a unha insurrección pacífica.
Nos tempos tan duros daquela Longa Noite de Pedra, nós, os demócratas, os que sentíamos a forza opresora da ditadura franquista xogabámonos anos de cadea e incluso a vida para acadar a liberdades democráticas. Hoxe esta xuventude ten que tomar ese relevo ante esta grave ditadura disfrazada de democracia que tratan de impoñer volvendo a tempos do século XIX.
A esta xuventude lles recomendo que lean este libriño deste veterano sobrevivente do nazismo que fai un chamamento para que reaccione ante este inxusto mundo da realidade social, política, económica e ecolóxica. O mundo vai mal, se non se toma conciencia de pechar este kiosko neoliberal salvaxe, apaguemos o candil por secula seculorum.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora