Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Edelmiro Bascuas, a persoa, o mestre, o sabio

martes, 22 de febrero de 2011
Edelmiro Bascuas, a persoa, o mestre, o sabio Edelmiro Bascuas López, finou na Coruña o 10-02-2011. Ademais da súa vida familiar, os atributos máis visibles do seu ciclo vital foron o ser boa persoa, mestre e sabio. Estas verbas non son flor circunstancial do teu pasamento. Son froito maduro dun longo percibir, sentir e convencemento sedimentado como evidencia. Permíteme interromper por un instante o escenario habitual desa vida sinxela, familiar e reservada que foi o teu nimbo persoal.

Coñecín a Edelmiro nos anos 50. Foi o meu profesor de grego, de moitos compañeiros máis, en Mondoñedo. Para aqueles rapaces novos, uns chegados da natureza rural e outros nados na urbanidade das vilas e cidades, a lingua grega parecíanos algo moi afastado. Furgando na memoria persoal, sen dúbida algunha sentinme naquelas coordenadas, unhas idealistas e outras rutineiras. Non obstante, Edelmiro esforzábase en estimularnos facendo centos de relacións etimolóxicas co castelán, con francés, co latín, co grego bíblico, co hebreo e non sei con cantas linguas máis. A miña ignorancia abraíase, pero intuía que aquel profesor era un mestre, un auténtico sabio. Houbo algo máis:Edelmiro non facía nunca distincións nin acepcións de alumnos. E aquilo converteuse en relación e querenza esencial.

Pasaron máis de corenta anos. Profesores e alumnos esparexémonos polo amplo mundo. Ao amencer do século XXI, a necesidade dalgúns datos de toponimia galega fixo que, por suxestión dalguén, acudira en busca de Edelmiro. Fun a velo e conversamos más de dez horas sen interrupción. Ofreceume más do mil por cen do que eu necesitaba. O mestre, o sabio, a persoa humilde e servizal seguía estando alí, sen máis preámbulos. Despois de ler boa parte dos dous volumes seus de Hidronimia e léxico galego paleoeuropeo, decateime da inmensa capacidade intelectual de Edelmiro, da súa paciencia e traballo investigador. Deixou para a imprenta outros dous tomos de léxico e toponimia galega. Sen dúbida algunha que o inmenso labirinto de topónimos galegos (nomes de asentamentos e minifundios parcelarios) non será o mesmo despois das achegas de Edelmiro.

O centro destas lembranzas é a bondade persoal de Edelmiro, que sempre percibín como estable e a vez aberto os cambios, sen espaventos. Sempre disposto ó razoamento humilde e rigoroso, ó humor san, a procura do sentido común. Grazas, Edelmiro. A túa sementeira deu, está dando os seus froitos. Grazas polo que fuches e polo que seguirás sendo na fermosa herdanza humanista e intelectual que nos deixaches.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES