Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lingua das festas populares

lunes, 21 de febrero de 2011
As festas populares constitúen un referente na vida social dos galegos. Forman espazos para a socialización da nosa cultura e lingua. Isto demóstrao o gran número de celebracións que se organizan durante todo o ano en aldeas e vilas. Calculamos que poden ser máis de sete mil; unhas, de carácter relixioso, e outras, cada vez máis numerosas, gastronómicas. Para a súa organización destínanse ao pé de 190 millóns de euros. Unha inmensa fortuna da que viven moitas persoas, nomeadamente as catrocentas orquestras que son as que levan a maior tallada.

Esa astronómica cantidade de cartos financia espectáculos alleos á nosa idiosincrasia cultural. Con ese impacto da chamada “cultura da globalización”, que todo o uniformiza eliminando as singularidades, a programación das nosas festas culturais, contaminadas por esa perversa crenza de que o propio non ten valor fronte ao alleo, revestido sempre dun excesivo prestixio social, marxinan as nosas tradicións e lingua nos contidos das programacións. Teixeira de Pascoaes no seu libro “A arte de ser portugués” alertaba aos seus coetáneos dese perigo: “non hai maior erro que a pretendida substitución das cualidades propias por aquelas que admiramos nos outros pobos”. Ser existente é ser diferente, dixera o filósofo francés René Descartes, e que en Galicia divulgou Vicente Risco.

As comisións de festas, parroquiais ou municipais, son as responsables destas desfeitas. Estamos a falar da corresponsabilidade que se estende a un amplo espectro ideolóxico que lle vira as costas aos nosos sinais de identidade. O patrimonio inmaterial, que sempre servirá para fomentar a cohesión social é reempranzado por modelos alleos que se escenifican repetitivamente aquí e acolá, por toda a xeografía galega. O desleixo demostrado polas comisións organizadoras das festas é de tal natureza que as súas consecuencias están a producir a marxinación dos elementos definitorios da nosa identidade. O exemplo máis evidente témolo na escasa utilización da lingua galega, por exemplo, nos repertorios das orquestras. Falamos moitas veces de aplicarlles unha política de cotas, como as que nos anos sesenta puxo en práctica o Ministerio de Información e Turismo do que era titular Fraga Iribarne; mediante un decreto obrigouselle á radiodifusión española a emitir un 25% da súa programación musical “en español” para poñerlle cancelas á invasión da música anglosaxona.

Desde hai máis de quince anos vimos insistindo na proposta galeguizadora baixo o rubro das “Mil festas máis para a lingua galega”. O ano 2008 o 40% dos concellos galegos asinaron unha declaración que recollía as medidas seguintes:1) Utilización correcta dos topónimos; 2) Maior coidado da redacción da cartelería, seguindo as normas morfolóxicas oficiais da lingua galega; 3) Nos documentos contratuais asinados coas orquestras fixarase a obriga de interprentar unha porcentaxe do repertorio en lingua galega; 4) Conseguir a colaboración dos cregos para que os actos litúrxicos das festas incorporen a lingua galega; 5) Velar polo cumprimento da Lei de Símbolos de Galicia, evitando usos indebidos de bandeiras e a desigualdade numérica, incorporando tamén o Himno Galego nos actos centrais; e 6º) Exaltación dos valores patrimoniais e identitarios dos lugares de celebración da festa incorporándoos a súa programación.

Despois do San Brais ábrese o período festivo do ciclo anual, e unha vez máis teimamos na necesidade de que os concellos e as comisións organizadoras de festas presten maior atención aos programas, incorporando neles o espírito e contidos anteriormente expresados na campaña das “Mil festas máis para a lingua galega”, que hoxe queremos reiterar.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania