Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai futuro?

lunes, 21 de febrero de 2011
Resulta case imposible imaxinar que non hai futuro, sería algo como imaxinar a nada. Pero cando formulamos a pregunta pensamos se algunhas realidades concretas van ter continuidade, permanencia e de qué maneira subsistirán se se manteñen no ser.

Noutros tempos preguntaríanse se escravitude tiña futuro, se o feudalismo, a sociedade estamental ou absolutismo permanecerían, xa que logo, non faltaba quen pensaba que estas formas de organizar ou desorganizar a sociedade mesmo eran de dereito natural.

Tendemos a cualificar de “natural” todo aquilo co que tropezamos a diario: un tipo determinado de familia, enfermidades, guerras, pestes, fame, terremotos e mesmo as diversas formas de organizar a vida política ou relixiosa. Outramente, se ollamos o pasado descubrimos que a vida é un constante cambio, é certo que a xente nace, vive e morre, pero isto mesmo non acontece dunha maneira uniforme, polo que temos que concluír que estamos ante feitos con aspectos modificables.

Nesta reflexión reduciría a pregunta a dous fenómenos moi importantes da vida: a) Ten futuro a política? b) Ten futuro a relixión?
Antes de entrar en matices respondo rotundamente: Si.

Si que teñen futuro, pero futuro non equivale a inmodificable, mesmo para teren futuro terán que estar en constante revisión e modificación. Algúns obxectarán que a relixión e a fe ao teren a Deus como referente, son inmutables, porque Deus non cambia, pero o coñecemento e a vivencia das crenzas evoluciona, a nosa intelixencia endexamais esgotará o seu coñecemento, mesmamente un Deus coñecido e comprendido non sería Deus.

No tocante a política, a súa supervivencia é incuestionable, se o ser humano é por esencia sociable necesita regular e organizar a súa vida. Cando a xente di que non quere saber nada da política seguramente se está referir a aspectos e conductas que realmente son a negación do que debe ser a participación cidadá na organización da convivencia, algo sempre complexo e complicado. Outra cousa é a necesidade de rexenerar de modo urxente a forma concreta de desenvolver a política en Galicia e en España.

É moi urxente e ineludible que actividade dos políticos estea asentada na verdade, sen verdade non hai liberdade. A gran baza que se xogan os corruptos é a confusión, que non saibamos a verdade, de aí a enorme responsabilidade dos medios de información que deben informar con obxectividade. Se isto fose así, os discursos de moitos dirixentes quedarían no máis absoluto ridículo. A mentira é a maneira máis cínica de menosprezar ao cidadán. Un principio que debería estar sempre presente: dicir o que se pensa despois de pensar o que se di.
Desta maneira non chegaríamos a soltar disparates do tamaño de prometer acabar co paro en menos de dous meses, que a culpa da contaminación é do paro, que eran espiados polos adversarios cando o seguimento procedía do propio grupo, que a situación española era coma a exipcia con chamamentos á algarada, etc...

De ningunha maneira é compatible querer participar na responsabilidade política cando hai indicios fundados de corrupción, é dicir, de irregularidades urbanísticas, postos de traballo adxudicados a dedo, subornos, sexan do montante que sexan, por moito que o corporativismo de Partido os queira protexer ou culpar a xuíces e fiscais. Tampouco se lava a indecencia mediante maiorías electorais. Soamente desde e con comportamentos éticos hai sitio na vida política.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES