Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os camiños da Galicia Renacida

jueves, 25 de octubre de 2001
É ben sabido que os anos vinte do pasado século significaron o comezo dun rexurdimento intelectual en Galicia. Encetouse daquela o propósito de superar o desnivel que existía entre a vida cultural galega e a europea, mesmo da realidade histórica do país. Esto e a calidade da obra dos escritores que promocionaron os novos rumbos, só se atinxiu mediante unha autenticidade vocacional que os caracterizaba. O pulo que os movía, centrábase na preocupación polo ser existencial de Galicia. Na convincción de que só un rexo esforzo creador podería crarexar os seus destinos. No desexo de integrar á terra propia, con toda a súa persoalidade orixinal, en Europa.

A partir de entón foise producindo unha florecente vida cultural en língua galega. Quizáis non tan visible como debera. Quizáis non tan coñecida como correspondía. Pero, mesmo publicamente, amosáronse síntomas significativos dunha contínua evolución. Os textos dos nosos escritores clásicos e modernos comezaron a se difundir, aínda que paseniñamente, no mercado libreiro. O labor editorial correspondeulle á Biblioteca Gallega de Martínez Salazar, e á que baixo o título de Nós puxo en marcha Anxel Casal. Posteriormente, ás que dirixiu en América Luís Seoane, e ás que aquí, como Galaxia, realizaron unha positiva tarea restauradora.

Este último labor editorial, encetado en Galicia desde os anos 50, requiríu esforzos de grupos intelectuais que operaron na adversidade e case no silencio. En maior ou menor medida tiveron que renunciar a moitas cousas: Ó benestar económico, a privilexios de calquera caste, en ocasións a unha carreira pública normal. Aceptaron que se falase pouco deles e non moi ben. Anduvieron a traballar máis do usual, facendo empréstimos sobre as súas propias vidas.

O resultado foi que en Galicia e en América escribíronse centos de libros. Libros que, en boa parte, han de quedar. Porque algúns dos autores que precederan á guerra civil foron dando a coñecer as súas mellores obras. A continuídade non se crebou, mália o trauma sofrido. A tradición intelectual preseguiu. Desde o periodo posbélico, nun traballo vagacento, cheo de tentacións, desmaios, caídas e resurreccións, a mente galega continuou a se afirmar.

Os devanditos decenios constituíron unha proba de fogo pola que pasaron as vocacións da intelectualidade galega. As que sobreviviron a tódalas privacións e a tódalas tentacións, contribuiron a asegurar o porvir. Os libros que ían saíndo do prelo foron operando na alma galega, e realizaron unha transformación que cada día afondaba na conciencia das xentes. A medida que decorrían as horas ensombrizadas, os persoeiros da cultura que gozaban de escasa influencia, comezaron a adquirir certo pretixio e popularidade. En parte, debido ó feito de que os principais deles andaban a publicar artigos en xornais e revistas.

A guerra do 36 significara un fondo drama, propiciando a rompedura da traxectoria cultural galega. As institucións culturais padeceron desfeita e asaño. O poder dictatorial alagábaso todo. A libertade de expresión destruírase, e os intelectuais en canto tais tiñan moi pouco que facer. Durante os primeiros anos non había máis que esparexemento e atordoamento. Despois encetouse, paseniña e penosamente, o esforzo cara á reconstrucción. Iniciouse esta na Galicia emigrada. Na Galicia territorial bateu con grandes dificultades. Pero a vida cultural autóctona, mália ós moitos riscos e ós moitos sacrificios, puido salvarse a súa capacidade creadora.

A situación cabería resumila así: Había unha recente tradición de preto de setenta anos de creación, aínda que fragmentaria e non definitivamente consolidada. Esta tradición representaba unha boa posibilidade si se estabilizase e se aproveitasen intensamente as súas ideas orixinais. Era urxente a constitución de grupos entrenados no traballo rigoroso. Neste camiño foise avanzado ó longo de anos sucesivos: Na lingüística, na historia, na socioeconomía, mesmo nas ciencias físicas e naturais.

Compre agora preguntármonos cal é a función que lle corresponde ó libro en Galicia. Si nos referímos á literatura, temos que arrincar do feito de que a literatura é un arte. Arte de construir, labor de enxeñería do pensamento. Trátase de algo de suma transcendencia humana, de indubidable eficacia social. Si o escritor tenta acentuar as súas pegadas no mundo galego, terá que se decidir a licenciar algúns continxentes de cultura inerte, libresca, para lle dar paso á cultura dinámica, ou seña viva. Partir do fervedoiro, do vibradoiro, en troque do relanzado e amudecido. Compre acudir ó libro como se acude a un vivo espectáculo: O de ollar funcionar a intelexencia do próximo. O de ollar como se bota a percorrer os marabillosos eidos do espirito.

A verdade é que valorar un libro ven ser unha das cousas menos doadas. Pero independentemente diso hai que acariñar unha esperanza: Que o mesmo lector, de vagariño; vaia por sí mesmo xerarquizando espíritos afíns. Libros onde se amplíe a súa conceición do mundo, da historia, das xentes e as cousas de hoxe e de onte. Por outra banda, o autor non debe escribir para satisfacer o gosto do público, senón para crear nel un novo gosto. Ou cando menos encauzalo, depuralo, robustecelo. Compre buscar sempre o libro qiue nos supere, polo cal nós mesmos poidamos superarnos.

O problema de todo ser humano libre, de toda libre sociedade, é o de se encadear rexamente ó resto de seres libres. E a cadea máis firme é o libro, amorosamente, morosamente lído. Pensamos en Galicia, na traxectoria reivindicativa dos seus valores que ven de lonxe e proxigue nos nosos días. Os libros que xurdiron e continúan a xurdir nesa traxectoria, poden e deben influir sustancialmente nas xentes galegas, asi como na vida galega do porvir. Sempre valéndose do idioma propio, como medio de expresión. Porque a linguaxe e o pensamento van indisolublemente unidos. Porque son, no fondo, unha soia e mesma cousa. Por iso o idioma é algo ó que non se pode renunciar. A nosa obriga sigue a ser a de continuar laborando arreo para afortalar a lingua como instrumento dunha misión cultural trascendente.
Fdez. del Riego, Francisco
Fdez. del Riego, Francisco


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES