Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mónica ¿onde te va el dinero?

lunes, 14 de junio de 2004
Mónica é unha rapaza que para o próximo maio cumprirá tres anos, regordeta e de fermosos ollos negros. Seu pai traballa de peón de albanel xa vai para oito meses e a súa nai coida da cuchiquera de porcos que antes levaba o seu home. Mónica, polo tanto, pasa case todo o día na compaña da súa avoa María da que din no pobo que anda todo o día o linlán, levando contos dunha casa á outra, algúns chámanlle o diario de P... (perdoaranme a discrección), o caso é que a nena andar anda paseada.

A avoa María ten unha voz graciosa, como de pito, a gheada e o seseo fan que por veces resulte case intelixible o que di. A avoa María non sabe quen foron os Reis Católicos, tampouco sabe por que a terra xira ó redor do sol ou quen foron os primeiros que pisaron esa lúa que se asoma detrás do loureiro da horta, -non sabe nada de iso!. Sen embargo aínda que a vostedes a avoa María lles pareza unha muller sen moita cultura, ela non é parva, ela observa e cala (ben, o de calar non sempre). Pero observa como o médico que atende na consulta non fala a súa lingua, nin D. Ramón cando di a misa, nin o boticario, nin o fillo de Soutelo que cada ano trae un coche máis grande de San Sebastián, nin o viaxante de zapatos que vén onda señora Milia, nin o secretario do Concello, nin o mestre que lle aquelou os papeis para cobrar, nin... , todos falan en castelán, “por algo serᔠ–pensa a avoa María-. Por todo isto ela decidiu pola súa conta e risco, falarlle en castelán á súa neta de ollos grandes. Así non é estraño escoitar polos camiños de P...: ¡Mónica no agharres eso del chao que te vas a manchar toda!, ou ¡Deja el pero Mónica que está lleno de pulghas y carrachos! e tamén ¡No pises esa bosta que luegho no hay quien lo limpie de los zapatos! etc, etc, etc...

Un día estando a avoa María e mais Mónica na miña casa, asistín a un deses famosos chapurreos da venerable anciá. A avoa María estaba a contarlle a miña nai que pola mañá estivera na casa dos de Xestoso porque a filla máis nova tivera un pequecho e fora levarlle un pouco de chocolate; cando estaba con ese conto acordoulle que o avó da nova criatura déralle a Mónica cinco pesos, polo que de seguido lle preguntou á rapaza: ¿Mónica onde te va el dinero?, a rapaza calaba e a avoa María porfiaba xa enfadada: A ver mujer, ¿onde te va el dinero?, e cando por fin se decatou de que a nena estaba a ensinarlle a man valeira sen os cinco pesos volveuse toda airada para miña nai e díxolle: ¡Ala cona, xa os perdeu!

(Nota do autor)

Hoxe Mónica é unha rapaza que está a rematar a carreira de Medicina en Santiago e que, gracias a Deus, fala un marabilloso galego con gheada e seseo (Ben, desde que tontea cun de trauma seica deixou a gheada). Pero non vos enganedes, - quedan moitas avoas María!

Maio do 1995
Ansemil, Xosé Luis
Ansemil, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES