Amor e poesía
Fernández, Suso - jueves, 10 de febrero de 2011
A Biblioteca Pública de Foz ven a organizar, dende hai algúns anos, co gallo de celebrarse o San Valentín, ou Día dos Namorados (14 de febreiro), un concurso de poemas co fin, supoñemos, de estimular a creatividade poética; e nengún tema mellor que o do amor (el amor fue el inventor de los poemas, dixo Lope de Vega), para que afloren as posibles aptitudes persoais para a lírica.
A definición mais axeitada da poesía acaso sexa aquela que se corresponde coa arte de expresar a beleza e o sentimento estético por medio da palabra, en verso ou en prosa, aínda que Bécquer expresouna de xeito mais romántico: ¿Qué es poesía, dices /mientras clavas en mi pupila tu pupila azul? / ¿Qué es `poesía? ¿Y tú me lo preguntas? / Poesía eres tú!.
Antigamente a poesía foi escrita para ser cantada; e unha característica da mesma é o ritmo e a musicalidade: por eso, ámbalas dúas -música e poesía- marchan tan unidas que a segunda represéntase por unha lira, qué é instrumento musical.
Para lograr esta cadencia nas composicións escríbese respectando a métrica, a rima e o ritmo, daí que se coide especialmente a selección das palabras, o son e a medida; unha arte que ven cultivándose dende os afastados tempos do Mester de Clerecía.
O concurso de poemas que promove a Biblioteca Pública ten un sinalado éxito e nel participan xentes de toda a provincia, de ámbolos sexos e mesmo dun amplo abano de idades.
Como curiosidade sinalemos que, no seu conxunto, a participación feminina ven sendo moi superior á masculina, como adoita suceder en toda actividade de tipo intelectual, social ou artística. É significativo, sen embargo, que a diferencia de sexos en participantes de idades superiores aos cincuenta anos é moi inferior á que se produce entre as xentes en idades mozas: as femias superan, con moito, a participación do sexo contrario.
Descoñecemos as razóns desta abstención masculina entre a mocidade, e preguntamos ¿será que na sociedade actual, tan convulsa, en boa medida depredadora dos valores tradicionais, o amor está deixando de ser cousa de homes? Meigas fóra!

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora