Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Acerca do Sistema-Mundo

martes, 08 de febrero de 2011
Seguramente que un dos acontecementos que máis aparece salientado nas páxinas da literatura económica, política e sociolóxica de finais do século XX e comezos do XXI sexa o da globalización, planetarización, mundalización… Trátase, en realidade, de referencias, noutra liña de pensamento, o que o investigador de la Maison de l`Homme de París, Immanuel Wallerstein, chama SISTEMA-MUNDO, na súa obra “Capitalismo histórico y movimientos antisistémicos”, Akal, S.A., 2.004, Madrid. Di este investigador que o termo evoca, con frecuencia, suposicións de equilibrio e consenso, pero isto está moi lonxe do seu pensamento e, se nos atemos ós feitos e eventos actuais, calquera persoa un pouco informada e atenta as realidades políticas, económicas e sociais do Mundo, sabe que non é así, porque non é nada difícil descubrir profundas e inquietantes fracturas neste sistema-mundo, aínda que se agochen algunhas institucionalizándoas. Basta ler un día calquera do ano un exemplar da Prensa ou escoitar un telexornal para convencerse do contrario. Estudosos coma Georg Simmel, Lewis Coser ou Max Gluckman xa deron abondo explicacións de todo isto oportunamente, por citar outras opinións documentadas.

Por suposto, a evidencia dos acontecementos mundiais permite concluir que nunca se consegue eliminar de todo os conflitos internos, nin sequera evitar que adopten formas violentas, unha apreciación constante no pensamento de Karl Marx, que fixo previsións que hoxe vimos confirmadas pola realidade, como poñen de manifesto as profundas crises económicas e a escasa vontade mundial en resolver as tensións intrasistémicas, polarizándose os “núcleos atractores” dentro de tres grandes bloques: Europa, o Pacífico Asiático e América do Norte, sen desprezar o emerxente Brasil. E isto comporta o mantemento de abismais diferenzas entre o Norte-Sur, que quebran unha razoable estabilidade das estruturas do sistema-mundo; pero é que, ademais, o matiz económico predominante nos “núcleos atractores” deixa moi debilitadas e comprometidas as decisións políticas nacionais, tanto na orde económica coma na meramente política, obrigando ós respectivos países a facer plantexamentos nucleizados, en vez de facelos en perspectivas mundiais.
O mesmo Wallerstein destaca unhas cuestións espiñosas nesta temática das fracturas sistemáticas. Refiere a primeira a teima que adoitamos ter inventando universais, principalmente cando consideramos ás propias opinións como válidas para todo o sistema-mundo, o que nos afasta de facer un análisis rigurosamente racional e obxectivo do mesmo. Tamén cando un país se obstina en ver o mundo a través dunhas lentes que lle dean a imaxen del a súa medida, segundo os seus intereses. Aquí hai unha inadecuación entre o mundo real e a percepción dese país. Estados Unidos, por exemplo, sempre se considerou a medida do mundo; pero o 11 de setembro de 2001, as Torres Xemelgas voaron polos aires, coma é ben sabido, nun ataque terrorista, e isto parece que mitigou o desmedido optimismo. Tamén aborda Wallerstein o desaxuste entre a teoría e a praxis, subliñando o feito de que as investigacións científicas prodúcense en función de intereses desvinculados das necesidades mundiais.

E, por último, os cambios constantes que se producen nas estruturas do sistema dificultan a súa articulación. A disconformidade con todo isto exprésaa o investigador nos seguintes termos: “…, de maneira que ningunha verdade é eterna, porque o mundo cambia inexorable e continuamente. Así, pois, debemos traballar con estruturas/categorías temporalmente útiles que inclúan procesos polos que se transforman noutras estruturas/categorías”, páx. 17 o.c. (Tradución ó galego, miña).

As razóns que aporta Wallerstein son, por suposto, de carácter máis ou menos técnico e están máis ben encamiñadas á economía; pero eu quixera salientar outros aspectos da globalidade, principalmente éticos. Penso que tamén deberíamos valorar a visita do presidente da China a Estado Unidos, así como a maneira como se produciu, o que permite abrigar a esperanza de que este último Estado parece apearse da burra hexemónica, de que xa non é a medida do sistema-mundo, e seguramente teña que conformarse, sen tardar moito, con un terceiro posto, esquecendo o exercicio dun poder sen escrúpulos, como ocurreu no pasado: pensemos só en Chile. Parece que no futuro poden abrirse horizontes para unha praxis política mundial con outros métodos e outras pretensións, aparcando os imperialismos trasnoitados e tomando en serio aquilo que dixo Ylia Prigogine: “o posible é máis rico que o real”. Bo é que se teña en conta que as posibilidades emerxen dabondo e diversas ó longo do tempo e deben aproveitarse para crebar ás carcasas do pasado.

Na visión ética déixenme que lles ofreza as aportacións, aínda que indirectas, de Asunción Herrera Guevara, da Universidade de Oviedo, quen publicou un traballo acerca de Kierkegaard e Adorno, en “Estudios Filosóficos”, Revista nº 172, Ed. S. Esteban, Salamanca, que me parece que, nesta temática, non ten desperdicio. Insero unhas liñas conclusivas, traducidas ó galego por min. Din así: “A globalidade -fronte a globalización- como proxecto capaz de culminar o proceso ilustrado da autorrealización, autodeterminación, autorreflexión e autonomía, debería funcionar baixo un novo signo que empeza a reclamarse dende éticas capaces de constelar o xusto e bo, o signo do PATHOCENTRISMO: estender a comunidade moral a todos os seres vivos que sinten. Unha vez máis debemos recordalo unha vez fixado na memoria: as filosofías atribuladas. Para elas, non podemos construir unha comunidade moral sen decatarnos do sufrimento que a nosa forma de vida está xerando en millóns de seres; en definitiva, non é posible unha vida xusta na falsa”, páx. 527, R.C.

Pois ben, a mesma autora plantéxase que é o bo e o xusto ante a globalización, e ven a soster que o proceso de racionalización ilustrado debería de seguir, pero non só no ámbito económico e tecnolóxico, senón tamén que se ocupe de embulleirarse en cuestións da boa vida, porque as teorias éticas deben dar resposta ás nosas rachadelas. E hai que partir de que, así como todos sabemos que unha crise económica, prodúzase onde se produza, ten repercusións en todo o sistema-mundo, así mesmo deberíamos convencernos de que, conseguintemente, todos somos responsables da pobreza extrema que padece a metade da humanidade.

Encontra Asunción Herrera respostas nos que chama filósofos atribulados. Atribulados por que?. Polas rachadelas e a dor dos desafortunados deste mundo, e que, para abreviar, dinos que todo se pode recoller nunha frase: facer unha praxis coherente coa teoría, porque temos moita afección a construir castelos e logo vivimos en chozas.

O que está a ocorrer dentro do sistema-mundo esíxenos esta consecuencia, se non, pensemos nas tensións que hoxe en día fan arrepiarse ós máis insensibles e poñen a proba as máis firmes estruturas sociais: xa non serven as hipocresías e firen as ironías da altiveza; xa non van a servir as tiranías do número, que non igualan, xeran perigosas turbulencias… Dito sinxelamente: se todo isto da globalización, da planetarización, da sistemática mundial, da sociedade do acceso, non serve para erradicar a pobreza extrema internacional, o invento ven a ser o que en galego castizo chamamos unha TRANGALLADA máis da Humanidade, que ben faría en cambiar o nome polo desaxuste semántico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES