Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Lola do Toniño

martes, 04 de enero de 2011
O Instituto de Estudos Chairegos ven de publicar un dos seus cadernos, onde se rescatan vellas historias e vellas imaxes para que todos saiban como era a vida doutrora nesta terra, e os maiores poidamos volver ó pasado con vellas fotografías que nos dín -ó mellor xa o esquecemos- como fomos algunha vez.

E noto a faltar, e se a hai non a coñezo, unha historia de xentes, de persoas doutro tempo que só quedan na lembranza dos maiores que imos esquecéndonos delas.

Estes días deume por lembrar a Lola do Toniño, á que tamén lle chamabamos a “Dolores tola”, pero de tola non tiña absolutamente nada.

Dolores vivía nos Catro Camiños, á beira dun vello cruceiro situado entre a estrada de lanzós e a das Pontes. Cos meus ollos de neno recórdoa moi maior, pero seguro que era moito máis nova do que eu son agora.

A Lola pasaba varias veces ó día diante da miña casa, na porta de Cima, cara a praza da Igrexa ou de volta, e como o seu volume era considerable e as forzas minguaban, e tiña algún problema de tipo respiratorio, levaba no brazo unha silla que utilizaba de cando en cando para sentar en plena rúa. Era unha silla de madeira con asento trenzado, voluminosa para ser carretada, pero tremendamente util como a cotío podía comprobarse.

E un ía pola rúa, e en calquera esquina, diante dunha casa, onde houbera xente, estaba a Lola do Toniño sentada na súa silla, descansando, facendo tempo, vivindo.

A xente chamáballe “A Dolores tola”, quizais polo da silla, pero a boa muller falaba e razonaba con toda propiedade, e era querida por toda a veciñanza. E de tola non debía ter un pelo, que en dúas palabras resumía toda a actualidade e toda a historia da humanidade.

Non recordo dela máis que esa frase, que me deixou marcado en tempos nos que o falar mesurado cotizábase, e non caían ben as estridencias. Diante calquera sucedido, o comentario de Dolores era lapidario e sempre remataba coa exclamación de “Mundo puto!”.

Certo que xa daquela o mundo evidenciaba estar bastante tolo, pero non máis ca agora. E agora, que os medios de comunicación nos sitúan en calquera punto do globo, e as noticias globais na nosa propia casa, temos que recoñecer que non estaba nada mal aquel xuizo para unha muller que tiña unha curta xeografía física pero grande profundidade humana.
E que postos a enxuizar, poucos analistas chegarían a máis fonda conclusión sobre o que nos rodea ca a palabra da “Dolores tola”, a Lola do Toniño, transcendendo no tempo, aseverando que estamos nun “Mundo puto!”.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES