Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A colmea do século XXI

martes, 01 de febrero de 2011
Nós, coma as abellas: obreiras, abellóns, e…, raíñas! As colmeas veñen a ter un censo duns oitenta mil habitantes por colmea. Pero somos máis gregarios cá elas pois desprezamos as urbes que baixan dos cen mil. Con todo, a principal diferenza está en que elas non saben vivir sen campo, e nós aborrecemos o campo. As abellas optan polas flores, e os humanos, polo asfalto. ¿Cal destes dous animais ten menos cerebro, ou dito doutra maneira, cal deles é máis feble?

En canto ás semellanzas: Estamos nunha civilización de obreiros na que sobran abázcaros para fecunda-las raíñas. ¿Onde están os abázcaros, tamén chamados zánganos? Maiormente na administración pública, pero a súa especialización non é administrar, non é producir, senón arroupar, cubrir, aplaudir…, personalidades! Na colmea mandan as femias, e na democracia, tamén, só que algunhas fano desde a cama, e outras desde a propia cadeira.

Na colmea, cando sobran abázcaros, despídenos; na sociedade moderna, os sobrantes xubílanse, ou pasan á empresa privada, aportando experiencias e influenzas. Á imitación da xelea, os obreiros elaboran a materia prima dos Presupostos; uns aportan materia, e outros clausuran os favos, tamén coñecidos como caixas fortes, e nalgún lugar, paraísos fiscais.

Pero aquí non rematan os paralelos. Entre outros: Se o terreo circundante é óptimo, terras boas, frutíferas, florecentes, con zume e con sol, a colmea, sexa de trobo ou móbel, vai de seu, e os abázcaros tan felices; o problema preséntase, epidemias á parte, cando a densidade dos chupópteros supera a capacidade melífera das obreiras, que daquela aparecen os xaxúns, as folgas, a emigración…; crises, en definitiva!

Unha diverxencia grandísima está en que, nos tempos bos, a raíña vella déixalle o sitio a unha das novas, e, facendo enxame, emigra co exceso de poboación, pero encabezando a marcha, tal que fixo Moisés. Entre os humanos ese principio aínda está verde, sen democratizar, pois certos xerifaltes, cando teñen os favos saturados, collen un avión, a estilo Ben Alí, e vanse, ao sumo coa familia e cos seus corenta… ¿Como lles chamaban aos amiguetes do pazo de Alí Babá, que non me lembro? Daquela, sen este dato, non vos podo seguir ilustrando.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES