Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A extinción da infancia

martes, 01 de febrero de 2011
A extincin da infancia Neil Postman escribiu un libro titulado A desaparición da nenez (1982) no que xa naqueles momentos detectaba entre os norteamericanos unha certa tendencia a vestir e a ensinarlles cousas aos nenos que non se correspondían coa súa idade da inocencia. Esta visión perturbada da infancia incidía en que canto antes o neno entendese o mundo e menos deambulase polas súas fantasías menos traumas tería despois. Craso erro! Cada etapa pola constitución biolóxica e mental da persoa ten os seus propios elementos culturais e sociais. Trasgredir esta norma é usurparlle parte da vida a esa persoa.

Así, por exemplo, é moi censurable que haxa nenos nos exércitos, nenas prostituídas, e, en definitiva seres sen infancia con todo o que iso supón de alegoría da vida sen ter que realizar o esforzo nin pasar as dificultades que esta lles impón aos adultos.

Esta semana saltou aos medios de comunicación a noticia de que unha revista de moda utilizou algunhas nenas de sete anos para exhibilas coma se fosen lolitas. Tras as fotos non hai só unha censura por mostralas como o que non son, senón moitas responsabilidades. A responsabilidade dos seus pais por non coidar a imaxe das súas fillas, por subilas a un pedestal infanticida, pola súa falta de conciencia de que non todo vale ou de que o diñeiro que gañan é un diñeiro que ensucia a súa inocencia. E, por outro, a responsabilidade do equipo de redacción polo enfoque elixido para a edición en que esnaquizan as normas éticas máis elementais a prol dunhas maiores vendas da súa revista ou de novos espazos para a causa dos seus anunciantes.

Seica as nenas necesitan maquillaxe, minisaias ou alfaias? Todos estes son compoñentes do ornamento feminino para resultar diferente ou máis atractiva sexualmente, algo que aos nenos nin lles é necesario nin llelo requiren as súas actividades.

Esta visión da infancia non é mais impropia nin menos suicida que a daqueles adultos que non deixan nunca de ser adolescentes, que cumpren anos sen madurar os seus obxectivos vitais, que recorren ás dietas, ás cremas, aos ximnasios nun desaforado impulso de deteren a súa evolución vital e permaneceren sempre novos coma se os demais estadios da vida non tivesen tantos valores positivos e negativos como os pode ter a súa idealizada mocidade.
Suárez Sandomingo, José Manuel
Suárez Sandomingo, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES