Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Instituto de Estudos Miñoranos

viernes, 28 de enero de 2011
O Instituto de Estudos Miñoranos invitoume a participar nunha das súas tertulias. A experiencia gustoume; fíxome lembrar as actividades que celebrabamos na Asociación Cultural de Vigo hai ben anos, a mediados da década dos sesenta. Precisamente foi esa evocación a que me inspirou para enfiar a miña intervención. Porque duns anos para esta parte a militancia cultural que noutrora dera pé a unha conciencia galeguista, agora esluíuse. Son moitas as circunstancias causantes desta perda de conciencia nas novas xeracións. A globalización leva a culpa sempre. Pero iso non debe impedirnos procurarmos outras razóns. A historia recente do galeguismo pode ofrecernos un amplo catálogo de erros que o nacionalismo cometeu nos últimos trinta anos, sen que se albisquen medidas correctoras. E así nos vai.

Os nosos historiadores non sempre acertaron na descrición dos fitos que nos antecederon. A historia non está ben contada. Os que a escribiron fixérono ao ditado, as máis das veces. Traballaron para as estruturas políticas ás que serven disciplinadamente, silenciando opinións incómodas. Patrimonializaron un proceso histórico axeitándoo aos seus intereses partidarios como se fosen operacións bursátiles buscando réditos inmediatos para lexitimaren condutas políticas e estratexias que o tempo está demostrando que non foron correctas.

De todo isto falei na miña intervención na tertulia do Instituto de Estudos Miñoranos. Apelei á intrahistoria que é a oríxe de moitos feitos transcendentais na conciencia colectiva. A historia do nacionalismo galego contemporáneo está inzada de erros e escandalosas omisións. Hai demasiados relatos tópicos e moitos silencios interesados; moita superficialidade nas análises dun proceso histórico caracterizado polas improvisacións derivadas dun primitivismo ideolóxico que negou, por exemplo,a teoría dos espazos políticos – “unha nación, un partido”, afirmaron-, enfatizando dogmaticamente que en Galicia a táctica e a estratexia confundianse, para negaren a política de alianzas, e de paso a contradicións no seo da sociedade. Mesmo houbo algún “pensador” que estaba a descubrir a “pedra filosofal” salvadora coa súa teoría do “proletariado simbiótico”. Con esta cativa bagaxe teórica a vertebración da conciencia nacional non solidificou. A debilidade do nacionalismo político e da nosa identidade que agora algúns dirixentes empezan a admitir, ten as súas oríxes neses alicerces mal chantados. Medios de comunicación nacionalista que teñen que pechar as portas porque os propios militantes lles viraron as costas; editoriais en crise porque esa militancia política e sindical non consume produtos culturais; desmantelamentos de plataformas culturais pola carencia de persoas cualificadas para dirixilas; incapacidade para buscar aliados en sectores sociais imprescindibles para o proxecto de reconstrución nacional; déficit de coherencia galeguista no vivir cotiá...

O dogmatismo salferido de ideoloxemas substituíu á intelixencia. En aquelarre colectivo escenifícase unha forza numérica que logo non existe na actividade cotiá na que hai que incidir para modificala con análises correctos e discurso atractivo desprovisto de actitudes estériles.

Cómpre reescribir moitas páxinas da historia do nacionalismo galego. Deste xeito as novas xeracións poderán entender a crise na que está mergullada a nosa identidade e as causas que as motivaron. As tertulias promovidas polo Instituto de Estudos Miñoranos e o labor que veñen realizando, resumidas moi acertadamente na súa declaración de principios fundacionais así o acreditan: “Posicionámonos -desde unha perspectiva decididamente humanista e universalista- na defensa da promoción da nosa identidade, o noso idioma e a nosa cultura,entendendo a realidade miñorá como integrada no ámbito xeral da sociedade galega”. Estamos a falar dunha plataforma cultural con iniciativas vizosas, imaxinativas e intelixentes, exemplo para moitas outras que xa existen, e aqueloutras que habería que organizar, aínda.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania