Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oficios desaparecidos no XX

miércoles, 26 de enero de 2011
¡Uf, tantísimos, que non se darían enumerado: afiadores a domicilio, albeites, carboeiros, cordeiros, fogueiros do tren…, e cen máis! Pero voume referir a un dos menos coñecidos, ¡dos menos coñecidos do gran público, que non deste servidor xa que foi o primeiro desa ducia que levo tido: escribidor de cartas amorosas!

Coido que vou ter que xuralo, mesmo nesta Biblia que teño aquí no despacho, pois do contrario non haberá lector que me crea, salvo os de oitenta anos, que son precisamente eses que adoitan fuxir da Internet coma se dun meigallo se tratase. Hai temas de onte mesmo que se non se poñen por escrito soan remotos, coma se fosen episodios de antonte. Na guerra do 36/39 boa parte das cartas foron escritas, ou polo menos redactadas, por compañeiros, e lidas por veciños; máis acó tamén, pois na de Ifni-Sáhara, 1957/8, aínda funcionaba no Grupo de Tiradores unha academia de analfabetos, dirixida polo Comandante Capelán, de Lugo, aquel heroe das tres guerras, Pedro Sánchez Pumariño.

Na época da miña crianza xa quedaban poucos analfabetos, de lectura se entende, pero os escribidores escaseaban porque nin había onde facelo, co papel escasísimo, e por ende, caro. Nas pizarras escribíase co pizarriño, pero as lousas non tiñan, non admitían sobre, non podían botarse en Correos. Por outra parte, unha cousa era copiar naquelas pizarras, e outra algo máis complexa redactar un formulario, darlle carácter de carta, introdución, saúdos, e todo iso, ¡en bo castelán, que era a lingua oficial, a dos escritos!

Á miña escola, á mixta de Maxide, tamén ían mocetes fóra da idade escolar, mediante propina, supoño, que aínda estaban nun dos tres “Rayas”, pero tiñan rapaza, ou polo menos pedíallela o corpo. Se a moza era de cerca simplificábase a cuestión vixiándoa por tras das paredes, para achegarse no momento oportuno, coa declaración ensaiada: “¡Gústasme moito, e se ti me ves con bos ollos…, daquela podemos chegar a un compromiso!”.

Á mesma escola ía unha nena que debía ter imán nos ollos pois tiraba dos meus coa forza dunha grúa. Eu dicíallo todo coas olladas, pero ela, ou coqueteaba ou era miope, que maldito mensaxe captaba. ¿Que podía facer aquel imberbe tan precoz? ¡Mentres me durasen as follas do caderno, pasarlle notas, declaracións ridículas! De vez en cando, maiormente mentres os outros saían ao recreo, eu escribía catro parágrafos a xeito de poesía, e despois dobraba o papel, pasándollo ás escondidas.
Nunha destas viume a faena un daqueles grandallóns, e pediume que lle escribise unha carta, ¡do meu puño e letra, con aquela caligrafía inglesa, con aqueles trazos de escribán, que mos ensinara meu pai levándome a man!, para unha rapaza de Suegos, que a quería acompañar na próxima feira de Carnaval en Mosteiro.

Estendeuse a miña sona, e din en ter clientes, ¡gratis datis, por suposto!

Non me lembro de se o teño contado máis veces, pero práceme deixar constancia de que, gratis, si, pero teño a satisfacción de que polo menos naquel caso logrei unha voda. A todo isto ocórreseme que, se volvésemos a ter escribidores de cartas amatorias íano agradecer os curas, que están en paro sacramental por culpa de que os rapaces de agora saben sobar pero non saben amar, non entenden de piropos, non fan requirimentos amatorios. Leron nalgunha parte aquilo de “Faites l´amour, pas la guerre; fate amor, nec bellum”, pero non acertaron na tradución: O amor non se fai, o amor é consubstancial co ser humano, pero cómpre cultivalo, poñerlle rodrigas, enderezalo, encarreiralo no senso espiritual, e non confundilo co fornicio,que iso é unha categoría menor, mesmo de tipoloxía animal.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES