Volver a empezar
Editorial - jueves, 27 de enero de 2011
Milleiros de lecturas ten esta crise que nos afecta e que non leva trazas de rematar. Pero destas lecturas, posiblemente a máis dramática sexa a que corresponde ós mozos en idade de traballar.
Hai que ter en conta que en Galicia medrou o desemprego algo máis do dezasete por cento entre 2009 e 2010, e dun once por cento os que estando no paro non reciben ningún salario.
Pero o aspecto máis ostensible da situación dos rapaces é a dos que se ven forzados, unha vez independizados, a volver ó fogar familiar.
A aventura da vida ten na marcha do seo familiar o maior síntoma ou feito de realización, de consolidación dunha necesaria independencia que permite a formación dun novo núcleo, unha nova unidade familiar.
Ter que volver á casa natal, derrotados pola situación global e persoal, é unha das maiores frustracións que un ser humano pode sufrir. E esta frustración-derrota sófrena cada día un grupo de rapaces galegos que experimentan nas súas propias carnes o que unha crise económica e social comporta.
E nun ano a crise fixo volver á casa de seus pais arredor de dous mil trescentos rapaces galegos entre os vintecinco e os trinta anos, que non poden manter a súa independencia e teñen que volver ó refuxio familiar, que teñen que renunciar ós seus soños de independencia e vida propia para volver á dependencia pasada, esquecendo un futuro que lles ven negado.
De pouco vale o consolo de pensar que hai un par de anos volveron á súa casa arredor de catro mil galegos, estando reducíndose de forma sustancial esta cifra. Pero 2.300 rapaces que volven é unha cifra tráxica, se temos en conta que cada volta é unha traxedia, un fracaso, un volver a empezar de cero.
Ninguén merece esto, pero os rapaces menos que ninguén. Porque fracasar nestes tempos, con esas idades, é deixalos marcados para o futuro, formando unha sociedade mancada que tardará moito tempo en recuperar a normalidade.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora