Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Rito de Lestedo

lunes, 24 de enero de 2011
O Rito de Lestedo Comezo por buscar un neutro desesperadamente para, en neutro, describir o rito cerimonial, non ordinario, celebrado na parroquia de Santiago de Lestedo, concello de Palas de Rei, provincia de Lugo. Digo que busco un neutro por non escribir en masculino e feminino a cada paso. Para non escribir infantes, que non me presta, nin é preciso. De xeito que, direi, sen rubor algún, que a nenación da parroquia de Lestedo merecería terse posta xa, con nomes e apelidos, nunha anta do curro máis solemne da terra parroquial. Escribo nenación, por nenas e nenos en conxunto. Así resolvo un posible e contínuo fiminino e masculino, que estorba e disolve o célebreme feito que tivo lugar o día seis do presente xaneiro. Día en que a nenación de Lestedo púxose de magos, paxes e outras compañías, e foron a cantar e a levarlle agasallos, casa por casa e aldea por aldea, a toda a ancianidade da parroquia.
A reportaxe fotográfica, do meu benquerido amigo, Luis Alberto Vilar, reflicte, mellor ca esta escrita, a infantil e leda andaina de Lestedo.
A asociación de veciños foi a impulsora dos actos. A nenación de Lestedo, os bizosos e ardorosos participantes, ataviados con ocasionais traxes, traballados nas casas, levaron maxia, regalos, candor, amor e cantigas aos protagonistas: ás sabencias maiores de cada aldea.
A parroquia está conformada por catorce. Por algunha delas discurre un tramo do Camiño de Santiago (o francés): Liúlfe, A Brea, Chouso Vello, A Mamurria, Portos, Os Valos, Lodeiro, Lamelas, A Riba, O Rosario, Abenostre, Vilaxoán, Sucastro e Lestedo. Na de Lestedo están a igrexa parroquial, construída sobre un desfeito e antigo castro, e a Casa Rural “Rectoral de Lestedo” que, segundo o amigo, Luis Alberto Vilar, é de moi grande importancia e interese. Na aldea de Sucastro, Casa de Jabara, naceu Luis Alberto.
Gustaríame ter os nomes de cadaún, para escribilos en fita, para que quedaran polo indefinido en Galiciadixital. Pero non dispoño do dato. Unha mágoa. Sen embargo, este é un asunto que se pode solucionar en canto o dispoñan e queiran os membros da Asociación promotora. Bastaría con que remitan os nomes dos participantes a Galiciadixital.
Houbo máis actos, xa o sei: os da igrexia, os da adoración, os do ouro, incenso e mirra. Pero estes, por ordinarios, non son transcendentes. O difundible e importante, é a honra da nenación de Lestedo á ancianidade da parroquia. Dos actos na igrexa, que seica estiveron moi emotivos, non digo nada. Unha, porque non andei por alí; outra, porque (confesión de parte) na noite de hoxe non teño os ánimos para describir rituais. Esta noite cáenme todolos templos enriba e reverdecenme os castros por todolos poros. Unha condición, un estado particular, que non poido desbotar. Será polo invadir da emoción que teño conmigo imaxinando o andar primoroso, e vigoroso, da nenación da parroquia de Santiago de Lestedo, cos seus cantos, regalos e honras nesa tarde do seis de xaneiro.
Pode seren, tamén, pola ocorrencia da palabra “nenación” que contén, nunha sóa, nenas e nenos, sorteando así o atranco de escribir a cada brinco e a cada pouco, a reiteración de sustantivos complacentes e seguramentes necesarios.
A min gústame o da “nenación de Lestedo” para incluir a nenas e nenos. A todos. Posiblemente os donos da filoloxía torzan a face e collan cabreo, espanto e asombro. Ou
nin siquera. Os filólogos van a asuntos maiores e de máis relevancia.
Eu estou emocionado e contento de que a nenación de Lestedo fixera o que fixo: pórse máxicos reais no día no que a igrexa católica e os intereses comerciais marcaron que era deles.
O de Lestedo paréceme unha excelente fórmula de ensinar e de educar, sen libros, sen mestres de licencia, sen perderse en viaxes de ida e volta, en transportes de posible desguace.
Lestedo, Santiago de Lestedo, para diferenciar, é unha das corenta e tres parroquias do Concello de Palas de Rei, nas terras da Ulloa, provincia de Lugo. Palas de Rei, onde din que o rei suevo Witiza matou a Favila, pai de Pelaio. Onde goberna o alcalde, o meu amigo Fernando Pensado Barbeira, médico; onde naceu o ministro das pontes, das autoestradas e doutros fomentos. É dicir: José Blanco, que non puido seren alcalde do concello de Palas de Rei pero é ministro, con carteira.
Palas, onde se fundou “O Mintireiro Verdadeiro” invento do crego Xosé Regadío Vázquez, recentemente falecido, coa participación do boticario Eduardo Seijas, Celestino Pardo, Amando Losada, Roberto Ouro, Constantino Grandío, Rubén Lois, Xurxo Latorre e Avelino Pousa Antelo, entre outros, que seguramento esquezo.
Palas de Rei, das tertulias da rebotica, nas que participaban, ademais dos nomeados, Ramón Otero Pedraio e Anxel Fole.
En fin, Palas de Rei, do finado amigo, Luis Cordeiro.
Palas, onde naceu outro meu amigo, Manuel Ramos Modia, o home máis principal e expertos en desatascos da provincia de Lugo, e xa non sei se de Galicia.
Palas da historia, da imaxinación e das sorpresas.
Como se pode comprender, polas últimas partes escritas (hostilidades innecesarias aparte) a importancia de Palas de Rei vén de lonxano e perdurará na memoria dos tempos. Entre outras razóns porque Palas de Rei é moito máis primeira e antiga ca o Camiño e o castelo.
Tan antiga como a Repostería e Lestedo
Palas e as súas parroquias naceron ao abrigo das augas do río Pambre.
A importancia de Palas de Rei, é senlleira na Ulloa.
E a da parroquia de Santiago de Lestedo, tamén, e agora máis por unha extraordinaria e transcendente nenería.
Polos infantís e reais reises que, en harmoniosa compañía, foron honrando á honra e á sabedoría ancián de Lestedo.
Que marabillosa a nenación de Lestedo.!
Que redoblados e máis propagados serán cando canten en galego.
Para o ano que vén.


Nenos de Lestedo
(da parroquia de Santiago de Lestedo, concello de Palas de Rei, Lugo)

Cantade na eira,
nenos de Lestedo.
Cantade con brigo
no verbo galego.

Facede regueifa,
nenas de Lestedo,
co acento ulloán
sen demo, nin medo.

Cantaredes, nenos,
nenas de Lestedo,
puído e doceiro,
brunido e máis ledo.

Cando veña o tempo
amigo dos nenos,
faremos cantigas
de reises pequenos

Estamos en Palas,
nenas de Lestedo,
e non na carcacia
dun fero abruñedo.

Estamos na Ulloa,
lindísimas sendas,
e non nas securas
de terras tremendas.

Cantade ben alto
ao voar dos pegos,
a Liúlfe, Á Brea,
á do Chouso Vello.

Cantade con forza,
delgado e ribeiro,
Á Mamurria, Portos,
Valos e Lodeiro.

Cantádelle aos idos,
aos mortos calados.
Cantade a Lamelas,
A Riba e O Rosario.

Cantádelle ás sabias,
da gleba a galope.
Cantade á lentura
da aldea Abenostre.

Cantádelle, nenos,
ao pan que coceu,
Vilaxoán, Sucastro,
ao monte que ardeu.

Cantádelle ao río,
ao rei que morreu.
Cantade a Lestedo
e á nai que pareu.

No mapa dos ollos
trazade con tiza,
a herdade do nóso,
ao suevo Witiza.

Cantade, cantade,
nenas de Lestedo,
no linguaxe nobre,
no idioma galego.

O cantar estrano,
é cantar do relo.
É ferume bravo,
sen alma nin selo.

É de fóra, alleo,
é bronco, é marego.
Cantade, en cariño,
ó amor do galego.

Co candor neneiro,
se a gaita canta,
álzase Galiza,
dona, azul e branca.

O mar, o océano,
os ríos ergueitos,
catívanse en cimos,
elevando os peitos.

Cando soa a gaita
no centro dos medios,
arredan os trasnos,
morneiras e tedios.

Que a gaita galega,
danos o fermento:
fai bailar o aire;
fai danzar ao vento.!

Nunca foi escrava,
é o noso contento;
soa máis bonito
ca mil instrumentos.!

Se me cantan nenas,
nenos de Lestedo,
ínzome, eu, de mozo,
se cantan galego.

E choro por dentro,
ríndome por fóra,
labrando cantigas
nunha mesma troba.

E aro, sen pausa,
en bágoas fundido,
nun mar de tormenta,
meu cantar esguido.

Que poño na barca,
de tona cascada,
navegando o Pambre
da auga lavada.

Do principio ao fin,
no vogar do río,
baixa polo Pambre
a casca de pino.

Coa nosa bandeira
e o noso estrebillo,
a cantiga escrita
co seu dobre billo.

Para non lodarse,
nin perder na area,
vai nun rodo pipo,
pechada e serea.

Por iso vos pido,
nenos de Lestedo:
Cantade briosos
no noso galego.!

Prometo, na volta,
se na volta vivo,
levarvos un saco
de roscas de trigo.
Un piño de letras,
un pipo de figos
e unha denuciña
da cunca do río.
Un nubeiro bo,
maxia do imposible,
estalos de freixo
e chifres de millo.
Uns frautíns de buxo,
sonoros, bruñidos,
e unha carricanta
de cen coloridos.


Fotografías: Luis Alberto Vilar
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES