Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Babel ós Baobabs

jueves, 25 de octubre de 2001
-"Se o piñeiro fose intelixente sentiríase orgulloso de ser árbore (...) e de ser piñeiro nunha sociedade diversa (...) que produce unha variedade estética de formas e cores” (José Antonio Jáuregui)

-Nalgún momento da historia formouse no planeta Terra un delicioso xardín no que agromaban flores grandes e flores pequenas, todas elas de diferentes cores. Unhas ocupaban grandes extensións, outras espacios reducidos, pero a ningunha delas lles faltaba ese recendo máxico que invitaba a inspirar profundamente e a gozar dos seus respectivos osíxenos poéticos. Para cada flor, e dada a súa fraxilidade, había todo un rexemento de xardineiros e xardineiras que, a cotío, habían de velar pola saúde da súa flor, tanto máis feble canto menos interese puxesen en coidala. Non se trataba, pois, do número de coidadores senón do amor que puxesen nos seus coidados. Algúns mimaban a súa flor con anceios enfermizos; pretendían transformala nunha sorte de baobab, semellante ós que medraban no Asteroide 612 e que tanto preocupaban ó entrañable Principiño.

-Eses egoístas coidadores convenceran a xardineiros doutras flores de que coidasen tan só a súa, xa que, dese xeito, sería máis útil para conseguir unha flor marabillosa e universal, que non houbese de compartir virtudes ou protagonismo con outras flores. Uns pola forza, outros por inxenuos e algúns outros por paspáns, deixáronse levar pasando a coidar unicamente algunha das flores grandes que, asemade, engulían ás cativas en tamaño, que non en fermosura.

Houbo tamén, e isto debe dicirse, quen decidiu regar outras flores sen deixar de coidar e mimar a súa, e mesmo compartiu con outros xardineiros o seu recendo.

-Uns coidaron outras flores e esquecéronse da que herdaran dos seus devanceiros, outros coidaban moitas, e canto máis as amaban, máis medraba o amor pola propia, á que tiñan nun lugar de privilexio. E houbo algún xardineiro de flor pequena que, quizais por medo a que lla estragasen, arremeteu contra algunha flor grande (cando ningunha das flores eran culpables).

-As flores sobrevivían a diferentes xeracións de xardineiros, agás aquelas que quedaban sen o último coidador; nese caso a flor muchaba definitivamente, e un estrondo facía estremecer o planeta, coma un corpo xigante fatigado de sombras.

-Nunha sorte de voraz utilitarismo, certos xardineiros deron en convencer ós demais de que esixiría menos esforzo ocuparse todos dunha flor única.

-Un día decatáronse de que xa nada lles facía medrar os ollos. Pasear polo xardín deixou de ter atractivo; andasen por onde andasen, só a mesma flor aparecía por todas partes nunha cor uniforme e nun único recendo que non sorprendía a ninguén. Foi entón cando se decataron da torpeza cometida; confundiran universalidade con uniformidade. E souberon que unha soa flor non fai xardín.

-Este é só un conto aínda que non deixe de ter certo aquel de reivindicación. Unha lingua está normalizada cando nos pareza sinceramente absurdo ter que responder a “¿Por que escribes en galego?” E contestemos, non sen abraio “¿...? ¡Son galega! E nesta afirmación deberían caber tódolos matices, sen simplificalo todo en nacionalistas ou constitucionalistas. Non me estraña que un coñecido meu se declare “monarquicano”.
-Hai algo mal enfocado no episodio bíblico de “A Torre de Babel”. O ser humano, soberbio, quixo construír unha Torre que chegase ata o ceo e Deus castigouno creando diferentes linguas que se erguían como paredes de formigón entre uns e outros. Aí está a equivocación. As linguas non son unha maldición. A variedade lingüística é coma un delicioso xardín no que se dan as máis diversas especies.

-¿Por que o complicamos todo? Co doado que me era, de nena, entender por qué tiña que poñer no sobre, no que metía a carta á miña amiga “Chula”, que estaba no Brasil, aquilo de “Porta do Sol, Lérez, Pontevedra, Galicia, España, Europa”; e sei que, se Chula vivise en Marte, habería de engadir “Planeta Terra”, ó que tamén pertenzo.
Casalderrey, Fina
Casalderrey, Fina


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES