Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luis Neira, desde Altamira

viernes, 14 de enero de 2011
O día de Nadal fóisenos Luis Neira de Viveiro. Non é día para morrer, senón para nacer. Pois Luis aproveitou ese día para trascender, para nacer noutra dimensión, para dicirnos adeus despois de depararnos ós de Viveiro e a todos os demais que o coñecemos 93 froitosos (gloriosos) anos.

Hai xa tempo que non o vía, e cada vez que atopaba en Viveiro ó seu fillo Juan Carlos, o seu sucesor á fronte do Heraldo de Vivero preguntáballe por el, traíame as súas lembranzas, e eu mandáballe recordos.

Xa non lembro desde cando Luis e máis eu eramos amigos. Supoño que a relación ten a súa orixe das súas visitas ó antigo Información y Turismo, onde eu entrei hai xa corenta e seis anos, para facer trámites relacionados co Heraldo. E continuou despois na miña etapa informativa en Radio Popular de Lugo e El Ideal Gallego, onde varias veces abordei o papel que El Heraldo tiña na sociedade viveirense e costeira, e o papel de Luis como alma dun xornal que pasou por diversas vicisitudes e el sacou adiante contra ventos e mareas, auténticas tempestades que non puideron desarbolar o forte velamen deste histórico semanario de Viveiro.

Tiña a Medalla de ouro do mérito ó traballo, ben merecida se temos en conta que o seu período laboral comezou con once anos na imprenta Fojo, onde se imprimía EL HERALDO DE VIVERO, ata 1936 en que os que facían o periódico foron mobilizados para a Guerra. No Heraldo Luis foi primeiro tipógrafo, a súa vocación, a súa paixón. Cos anos, sería redactor e finalmente Director. Foi tamén funcionario de correos en Santander, Ferrol e Vigo, durante 33 anos. Pero o de Luis era a imprenta, e o que na imprenta acontecía. E Viveiro. E o seu xornal. E a xente. Era un humano humanista de ollos profundos e ledos.

En 1946 mercou a antiga imprenta Basanta, que pasou a ser Gráficas Neira Brochs, e anos despois, en 1963, chegou a un acordo coa familia de don Ramón Canosa, para editar o periódico da súa propiedade na Imprenta Neira e baixo a súa dirección. Desde entón, letra a letra, páxina a páxina, EL HERALDO foi Viveiro, e Viveiro viuse reflectido no Heraldo dun xeito que só pode entenderse se sabemos que todo pobo precisa dun voceiro e Viveiro respirou a través do Heraldo neste case medio século como por uns pulmóns xigantes, e transpirou placeres e sufrimentos a través dunha pel ateigada de poros que demostraban prácticamente que a ósmose é posible entre un xornal e un pobo, entre unhas páxinas vivas e milleiros de persoas que son delas protagonistas.

Luis, desde Altamira (fermoso e perfecto nome para o cemiterio de Viveiro) contemplará o contorno con ollos intelixentes, vivos, inmateriais, cun permanente sorriso ó comprobar que o pobo que foi seu segue a ter nel un referente, e no Heraldo de Viveiro -obra de Luis para todos os que fomos testemuñas do paso das décadas- un espello no que mirarse e facerse oir.

Descansa en paz, Luis, amigo. E fálalle de nós, de Viveiro, de Galicia, ós que estean ó teu carón.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania