Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Remexendo nas farangullas

viernes, 14 de enero de 2011
O título é ben frívolo, pero non engana. Ocorre que xa estamos dando os primeiros pasos polo comezo do ano 2.011 e os desexos de que sexa un ano venturoso para todos asucan o ar, manifestados con cantos reberetes lingüísticos ten cadaquén máis a man. Pero tamén a cada un pásanlle polo maxín algunhas preguntiñas que o desacougan. Non as vou escribir, mais si intentar contestar unhas poucas que a min antóllanseme interesantes, aínda que non o sexan: en calquera caso responden ó título.

Dí Paul Ricoeur, profesor francés de Historia da Filosofía, que deberiamos intentar comprender o noso tempo, e nada máis axeitado para o comezo dun ano que se agoira angustioso pola crise que nos atangue. No caso do profesor estamos a referirnos as décadas do 50 e do 60 do século XX, pero nesta segunda do século XXI contamos con abondo analoxías ás que podemos extrapolar algunhas ideas daqueles tempos ricoeurianos. E sobre todo seguir o seu consello de que é necesario “captar as intencións agachadas e os supostos radicais de orde cultural subxacentes ós movementos culturais da nosa época”.

Polo tanto, aquí emerxe o axiolóxico: É un feito que os homes e mulleres de hoxe en día están perdendo os valores morais básicos, caen con frecuencia na imperseveranza e no abatemento, banalizan as razóns profundas da cultura, son prea fácil da desconfianza do futuro, caen na angustia subxacente ás lixeirezas das máis esperpénticas manifestacións dun vivir alegre, quebran a verdadeira comunicación, menosprezando o rigor e a corrección lingüística, etc...

Pero a todo isto acompañoo, aínda que moi sutilmente, o empeño en entender o real coma unha mera representación, presos de tantas e tan diversas simbolizacións, poñendo como obxectivo un dominio sen límites, ata chegar a destrución insensible do mesmo, incluso con máis afán de destruilo ou manipulalo que de comprendelo, con tal de acadar bos resultados económicos, sen se preocupar dos desequilibrios que iso comporta, restanto desta maneira densidade ao real, e, por conseguinte, á vida individual e social: así mesmo asoma a tendencia, non sei se suficientemente obxectivada, a manter actitudes pasivas e de indiferenza ante as cuestións fundamentais que no fondo ten plantexadas a vida, coma se non tuveran nada que ver connosco. E da a impresión -coidese disto o lector- de que a nosa civilización é de “pacotilla”, de que só temos “cultura de consumo”, termos estes non meus, senón do mesmo Ricoeur, que segue dicindo que hai unha especie de subcultura enganosa, no que abunda o seu comentarista, o tamén profesor, Rodríguez Buil, engadindo que pasamos a vida “falando sen significar, oíndo sen escoitar, decidindo sen exercer a liberdade”, e todo isto nunha época de crise, na que serian apropiadas as explicacións sistemáticas e omnicomprensivas, non os anacos, nin a imperiosidade do efémero, nin a borracheira dos signos con ausencia de referentes cribles. O mesmo Ricoeur non se para en barras e utiliza sintagmas atrevidos e con desenfado, coma “sistemacidade quebrada” e “pensar ferido”, para destacar as contrarias das necesarias e apropiadas razóns e motivacións ausentes.
Parece que existen unha serie de fenómenos neste noso tempo que serven de pistas para descubrir un futuro non moi afagador.

É todo aquilo que se presenta demasiado fácil e frívolo, sen sentido e sen valor. Sen embargo serve de resposta ás novas xeracións que a toman como solución á acochada angustia.

Adoita citarse o erotismo. Tamen é terreo aboado o da política.

Del permítanme que lles recorde as paradoxas ricoeurianas: nacionalismo-internacionalismo, individuo-estado e razón-violencia, fieles compañeiras dalgunhas actividades políticas.

Nada novo, pero hai matices importantes. Reflexionemos, se non, como casar as aspiracións globalizantes, planetarias, da ciencia, da técnica e da cultura cos empeños nacionalistas de evitar a toda marcha o ataque a identidade cultural nacionalista, se me deixan tomar isto como exemplo.

Non vexo tampouco moi clara a saída do marco das crises repetidas, acometendo só os problemas de orde económico con solucións desvinculadas dos valores e sen tomar axeitadas medidas noutras leiras do quefacer humano, simultáneamente, que esixen solucións moi complicadas e complexas. Por iso non ofrecen claridade e convicción nin os plantexamentos políticos encamiñados a saír do paso, nin os modelos económicos sen perspectivas de globalidade e sen un marco estrutural axiolóxico que xerarquice as prioridades dentro dun sistema coordinado planetariamente e que facilite á ciencia a apertura de fisgoas, por onde conducir a tecnoloxía, que actúa bastante pola súa conta e moitas veces dirixida a obxectivos inapropiados, con unha dilapidación de enerxía e recursos moi necesarios para outros mesteres. Porque confundir, por exemplo, o uso deportivo co primario e laboral de certos aparatos, apaixonarse co primeiro e aburrirse co segundo, parece que son síntomas propios de personalidades configuradas a través dun proceso formativo de “pacotilla”, como diría Ricoeur. E estas son compoñentes personais que explican actitudes nada positivas ante as crises. E non é algo tan fútil e tópico que, consciente ou inconscientemente, non preocupe ós pensadores. O mesmo Sr.Ministro D. Ángel Gabilondo, dedicalle unhas significativas liñas. “Pero en ocasións -di- máis parece que esteamos empregados e non que nos empreguemos en algún asunto. A cuestión non é menor e non faltarían os que sinalaran que, se ser empregado é a mera entrega de o noso tmpo por unha remuneración, en tal caso quedaríamos alienados, isto é, posuidos por algún outro. Sen embargo, ós que viven o seu traballo con paixón e absoluta dedicación resúltalles tan gratificante que inmolan na súa fogueira calquera outro vestixio de estímulo…”, páxs. 91- 92 do libro “Palabras a mano”, Seix Barral, S.A., Barcelona, 2.010. (Tradución miña).

A verdade é que nunca se necesitou tanto como nestes nosos tempos ter un coñecemento amplo do que nos convén e debemos facer, por iso non se poden perder talentos en actividades frívolas e tanxenciales, desviándoos, polas perversas cualificacións dos coñecementos abarcantes, dos campos onde son necesarios para que o deseño verdadeiro da realidade saia á boia. O saber a cachos non está mal, pero no nos da a visión do deseño, e por iso alguén terá que casalos para acadar un saber de conxunto. Por isto queixase Ricoeur cando dí que “non coñecemos a unidade, só a esiximos”. Pero é que, ademais, parece que descoñecemos que a realidade é un PRIUS, e, incluso, máis orixinaria que o mesmo pensar, que quedou fracturado, torado, por esa carencia dunha perspectiva unificante e, ademais, universalizadora. Pero ten explicación: aquí opera por exceso a xenreira ó racionalmente omnicomprensivo dos saberes actuais, por semellar ás desacreditadas verdades absolutas, aínda que o primeiro sexa absolutamente necesasrio e as segundas posibles reguladoras da razoabilidade, Unhas e outras son actividades intelectuales, respecto ás que o mesmo Ricoeur di que son “un sentimento racional regulador e purificador á vez do escepticismo e do fanatismo, do escepticismo que renuncia á busca do sentido e do fanatismo que o da prematuramente”, páx. 17 (Historia y Verdad, Madrid, 1.990).

Urxe, pois, aprender a vivir na inseguridade, como dí Rodríguez Buil, evitando o nihilismo paralizante e o inxenuo optimismo, propio este das utopías metafísicas, que postulan un progreso futuro e unha harmonía social. Para acadar este vivir hai que botar man dos VALORES, referidos a un ideal universal humano, do que ninguén debe ostentar o monopolio.

Se este remexer nas farangullas das nosas vidas individuais e sociais serve para limpar o po dos caixóns do esquecemento, ben me dou por satisfeito, desexando ós pacientes lectores un feliz 2.011.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES