Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Telecomunicacións Rurais

viernes, 14 de enero de 2011
O gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia deu recentemente un comunicado de prensa no que informaba de que, dende o mes de febreiro do 2010 ata este intre, 250.000 galegos accederon a posibilidade de ter cobertura de Banda Larga de Internet. Esta é unha boa noticia que , sinceramente, aledoume moito e serviume de esconxuro dese pesimismo resignado que case sen darnos conta está acomodándose no faiado colectivo. É de supor que eses douscentos cincuenta mil cidadáns con novas posibilidades, residen nos asentamentos dispersos da Galicia rural. Agora falta por saber se esa poboación xa se conectou, estao facendo ou aínda non se coñece o que vai ocorrer.

Repito,albízaras sinceras. Os oriúndos dese medio rural disperso, que neste intre xa estamos subindo a costa da terceira idade, levamos anos volvendo de vez en cando ao recanto nativo e somos testemuñas do longo proceso da lenta chegada das TIC, Tecnoloxías da Información e Comunicación, aos asentamentos rurais dispersos. O comezo de todo foi, no segundo lustro dos anos 50 e no primeiro dos 60 (uns trinta anos despois de que chegara as vilas), o tendido da enerxía eléctrica sen a que nada era posible. Logo veu a radio e a TV que en moitas aldeas non se podía ver por falta de sinal; e por iso xurdiron os Teleclubs parroquiais dos que hoxe só queda algún rastro. Xa na década dos 80 as democráticas autoridades competentes planearon os Teléfonos Públicos Rurais que, sendo un paso importante para resolver moitas penurias, non obstante concibíronse con algunhas carencias, como a falta de illamento acústico e privacidade nalgunhas tabernas. Neste intre esa rede de postes e fíos telefónicos está esmorecendo sen aproveitamentos. Algo máis tarde, na mesma década dos 80, avanzouse un pouco máis co intento de converter en “núcleos rurais”, oficialmente declarados, a determinadas constelacións de aldeas próximas entre si, para estender alí a telefonía fixa de fíos. Daquel experimento quedan no momenclator algúns núcleos rurais oficiais e unha telefonía fixa, parcial pero definitiva, aínda que arrastre deficiencias.

Xa moi entrada a década de 1990, paralizouse aquel proxecto de núcleos rurais e planeouse unha solución xeral para case toda a poboación rural diseminada: a telefonía celular de radioteléfonos que, mediante pantallas transmisoras, superou as distancias espaciais e o custo do anterior sistema de fíos porta a porta. Parecía a solución definitiva, mais, ao estenderse Internet, de seguida albiscáronse as súas limitacións. Aínda agora estamos en parte nesa encrucillada. Os que lembramos esta historia feita de memorias parciais, temos a sensación de haber estado nunha carreira de parcheos que acumularon atrasos e frustraron moitas ilusións, esperanzas e iniciativas empresariais.

Parece que desta vez está chegando a solución definitiva das telefonías e telecomunicacións ao medio rural disperso, dando cobertura ós casais illados, aldeas, pequenos núcleos, parroquias, incipientes vilas, pequenas empresas, organismos das administracións, profesionais autónomos, comerciantes, urbanitas afincados no medio rural, emigrantes retornados, xubilados, turistas de paso ou de curta estancia, etcétera; e dicir, Banda Larga para todos, absolutamente todos sen exclusións. Certo que seguimos encontrándonos con sorpresas inesperadas: o pasado verán, despois de cinco años de espera, Moviestar instalou unha pantalla nun outeiro para dar cobertura de telefonía móbil a metade norte do Concello. O sorprendente é que esa torre da sinal só para voz, non para modems Wifi (modems sen fío)) de Internet, sistema 3G ou outros. Seguimos coxeando.

Despois de ler o Informe do OSIMGA (Observatorio da Sociedade e da Modernización de Galicia, e o Plan de Banda Larga para 2010 – 2013), moi preciso en datos e previsións, pareceume que esta vez vai en serio a programación para toda a poboación e todo o territorio galego. Certamente, algúns datos que nos deron no ano 2009 eran desacougantes: 786.000 habitantes non podía acceder a Banda Larga, e dicir, un 30% da poboación galega que na provincia de Lugo e Ourense acada un 40%. Un 64% das explotacións gandeiras sen posibilidades de Banda Larga e un 51% das casas de turismo rural con carencias de conectividade. Bastaban estes datos como indicadores para alarmarse da situación.

Certo que a intención declarada do Plan de Banda Larga é dar cobertura ao 97% da poboación mediante redes fixas e redes de nova xeración sen fíos, e potenciando o operador público RETEGAL que facilite a competencia privada. Que vai pasar con ese 3% de poboación sen cobertura? Canto territorio rural quedará en vía morta,sen posibilidades de Internet? ¿Van os operadores privados atender as comarcas con pouca demanda debido a minguada poboación, avellentada e con poucos recursos económicos? Se a Administración autonómica non corta de raíz esta dialéctica tenebrosa , a Galicia rural perderá o derradeiro tren. A solución tampouco serán os Telecentros, pois, ademais do custo de mantenemento, non é práctico nin razoable desprazarse a varios quilómetros para calquera consulta de Internet.

Estamos nunha encrucillada importante que pode acabar nun éxito rotundo, nunha solución definitiva das telefonías e telecomunicacións do medio rural, ou podemos quedarnos nun círculo vicioso de vello arraigamento político-social: no se dan solucións definitivas porque non hai demanda, e non hai demanda porque non se adiantan solucións definitivas para todos. Pero isto lévanos a outra consideración: Para fixar ou mesmo atraer e asentar nova poboación no medio rural, requírese a posta o día de moitos servizos; os primeiros entre eles, sen dúbida algunha, o das vías de comunicación e as TIC que permitan informarse, relacionarse e desprazarse en tódalas direccións. Sen esas bases, todo serán ruidosas vésperas de pouco ou nada. Polo de pronto, dou o meu voto esperanzado ata finais do ano 2013, data de clausura do Plan de Banda Larga.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES