Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Fonsagrada, Terra arraiana

jueves, 13 de enero de 2011
Para Marisa Álvarez Santamarina, de San Martín de Suarna, sempre na lembranza e no meu corazón.

Sendo moi mozo tiven a oportunidade de mercar a Carta Xeométrica de Galicia que fixera o deputado e catedrático Domingo Fontán. Aquel mapa era tan descritivo que nel estaban todas as aldeas e lugarellos do País. Tan era así que en certa ocasión, despois dunha conferencia que Otero Pedrayo pronunciara no Centro Galego de Buenos Aires, achegóuselle unha velliña para preguntarlle se alí estaría a súa aldea. Despois de comprobalo, aquela muller que soñaba con ela todos os días rompeu a chorar pola emoción dicindo que xa podía morrer tranquila, xa vira a súa aldea desque se fora dela había cincuenta anos.

Pois ben, no mapa de Fontán incluíase de norte a sur toda a franxa da Galicia exterior, a chamada Galicia irredenta, que vai desde o río Navia ata o Padornelo e Hermisende, onde, por certo, perdeu a vida nun accidente automobilístico aquel extraordinario reitor da Universidade de Santiago Rodriguez Cadarso no período republicano. A elaboración desa cartografía galega, que é de 1834, reflicte con exactitude a identidade territorial, cultural e lingüística de Galicia.

A arbitraria división provincial elaborada por Javier de Burgos esgazou esa identidade, situando do lado asturiano a vinteún concellos galegofalantes, maioritariamente, e repartindo outros tantos concellos entre León e Zamora. A súa cultura e tradicións son galegas. Esa circunstancia motivou que en varias ocasións os veciños deses concellos reclamasen a súa pertenza a Galicia. En 1932 os de Santa Comba de Coutos desprazáronse a Lugo para entrevistarse con Casares Quiroga, ministro da Gobernación, para formularlle a súa pretensión de incorporárense ao Concello de Navia de Suarna.

Esa reivindicación da Galicia irredenta ten na nosa historiografía referencias relevantes en autores como Conrado Vilar Loza, natural de Taramundi; Armando Cotarelo Valledor, presidente do Seminario de Estudos Galegos, de A Veiga; e Fermín Penzol, notario e bibliófilo, de Castropol. De Santalla era Raimundo Ibañez, o marqués de Sargadelos. Por non citarmos a moitos outros arraianos do Bierzo ou de Puebla de Sanabria. Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao, foron algunhas das voces autorizadas que pediron a devolución deses territorios. Luís M.García Maña, máis recentemente, ten afondado na inxustiza histórica desa segregación territorial.

Territorios da nosa contorna, expropiados a Galicia inxusta e arbitrariamente, nos que viven setenta mil galegos que teñen como lingua cotiá a nosa. En moitos momentos da historia de Galicia pedíuselle ao Estado a restitución deses territorios. As Cortes republicanas coñeceron esa reivindicación polo grupo de deputados galeguistas que non foi recollida no texto da Constitución de 1931. A constitución de 1978 tamén desaproveitou a ocasión para redifinir as fronteiras internas, obrigando aos habitantes deses concellos limítrofes de inequívoca identidade galega a viviren en realidades administrativas alleas.

O Concello d´A Fonsagrada convócanos o próximo sábado a participar nunha xornada de debate sobre as vicisitudes históricas e actuais destes territorios arraianos. Unha iniciativa que nace con vocación de continuidade. Ben deitamos dela, porque ocómpre que as institucións públicas galegas arraianas asuman a obriga de tenderen pontes de colaboración coas extremeiras para procurar medidas que impidan que as nosas tradicións e lingua desaparezan. Non nos queda máis que animar ao Concello a proseguir neste necesario empeño de preservar a nosa identidade alén das nosas fronteiras.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES