A ditadura do Fume
Cardalda, Theo - viernes, 07 de enero de 2011
Desde o Preguntoiro: A ditadura do fume
Chegou a lei antitabaco. Por unha banda prohíbese o tabaco que é malo e por outra véndese e o estado a recadar millóns. Tamén é moito máis nocivo respirar o ar contaminado das cidades, os tubos de escape , o alcohol, os refrescos, os alimentos con exceso de graxas e conservantes e outros produtos químicos, as ventosidades do ser humano que son moi tóxicos e ninguén pensa en prohibilos. Ao loro os fumadores, calquera día levan as culpas do cambio climático. Chéirame toda esta lei a puritanismo e hipocrisía.
Non entanto, non había necesidade por parte da ministra Pajín que apostilara iso de que calquera cidadán poida denunciar á policía a calquera veciño. Demagoxia pura e dura, agora chéganos a delación anónima. Asemella que necesitan a repulsiva figura do delator para impoñer a ditadura do fume. Isto recorda a aquelas denuncias entre veciños, de fillos a pais de triste lembranza en Alemaña, España e Italia. Hai só un paso de aquí ao Gran Hermano de Orwell.
Esta Lei que hoxe tanto saúdan algúns será motivo de conflitos entre cidadáns, tamén ameaza con cargarse en pouco tempo máis de cen mil postos de traballo. O momento elixido para atormentar aos fumadores foi o máis oportuno, dado o nivel de pleno emprego e prosperidade. Salario mínimo que sobe unha miseria, pensións conxeladas, aumenta o desemprego, soben os prezos dunha maneira insultante dos servizos máis fundamentais e recortes sociais a esgalla. Coido que en toda esta tesoira de podar o fume nicotínico hai chicha e limoná. Como dicía o ministro de propaganda nazi Goebbels: Si no puedes negar las malas noticias, inventa otras que les distraigan.
A Sra. ministra ben puido aforrarse ese comentario, innecesario e indesexable. En fin, un país como España non pode ter unha ministra dun nivel tan baixo ao fronte dun ministerio que require sensibilidade, coñecementos e profesionalidade.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora