Un paseíño pola España de hoxe
Rubal, Pedro - viernes, 07 de enero de 2011
Non é a primeira vez que en España nos encontramos coa dicotomía das institucións, por un lado, e coa realidade política e económica do corpo social, por outro lado, agravada a situación con un tufiño de desprestixio no facer político, que nada teñen que envexar ás doutras ocasións da súa historia. O que ocorre é que nesas ocasións da posterioridade o pobo tiña un certo optimismo e albiscaba a apertura de horizontes que alimentaban a esperanza da introdución doutras formas de facer as cousas, mentres esos horizontes están hoxe difuminados polas esixencias do compromiso globalizador das funcións transcendentais dos estados. Si
, intuimos os españois que isto non vai de todo ben, mais non parece que teñamos moi claro a onde temos que dirixirnos: temos importantes indecisións internas e non poucas ripas externas, por fora das nosas fronteiras.
Polo que a nosoutros respecta, sempre estamos falando das rexeneracións: hai que rexenerar ó país, ou máis modestamente, as institucións políticas, económicas (sustentabilidade!), administrativas, etc. Pero sempre queda todo como estaba, como non sexan medidas para o maquillaxe, de impacto popular e escasa transcendencia, cando non pouco oportunas e incoherentes nunha sistemática xeral do país e, incluso, a veces, do contexto mundial, no que sempre nos gustou fachendear infantilmente do innovadores e orixinais que somos.
Todos os días sacamos a refulxir a nacesidade de cambios nas estruturas, e cando facemos algo importante, como a institucionalización das Autonomías, ben sexa por un costado ou ben polo outro, xa aparece na palestra unha corrente de esixencias que desacouga o Estado: temos a virtude de non deixar tempo para que o que fixemos produza os seus froitos.
Sen embargo, aínda sabéndoo convinte, non se suprimiu o que era necesario e non se tocaron algúns organismos e institucións que serven de ben pouco ós cidadáns, como non sexa a un tradicional acomodo dunha innecesaria burocracia.
Supoño que habería que suprimir o darlles contido a institucións que están obsoletas, evitando duplicidades que máis incrementan os gastos ca eficiencia, porque o importante é sempre a mesma sociedade, o cidadán da pé , que chega a un mostrador con varios ordenadores e aínda ten que cubrir un impreso, para que non se lle poida atender ese día: un esperpento na era da informática. Urxe entrar, pois, no PARA QUE das reformas, deixando ao lado as disputas estériles. Quen dubida de como preformar o futuro institucional e administrativo é mellor que nin sequera o intente cambiar, porque sen proxectos claros o único que pode facer é exercer o PODER político, vagar pola verea do atónico, sementándoa de decisións mediocres e indecisas.
Sospeitan que ocorre nestes casos?. Que os mellores fuxen da política e gañan sempre os rubidores, movidos pola ambición persoal ou de poder: apaixónoos o SER non o SABER-FACER, e así nos luce o pelo a todos. Por iso, para cambiar a realidade non serven os aventureiros da política, senón os talentos verdadeiramente creadores, que ilusionan ós pobos e sálvanos da atonía. Por outra parte, se España quere de verdade atopar o seu norte, terá, supoño, que arbitrar instrumentos que lle permitan facer unha política estatal coas Autonomías, suprimindo organismos intermedios, totalmente innecesarios e custosos.
Pero para iso os responsables políticos teñen que coller o touro polos cornos, non agarrarse ao rabo para manterse cerca da ubre.
Polo tanto, haberá que facer que a vida local sexa intensa e rica, racionalizando o tamaño e rendibilidade dos concellos e facilitándolles unha existencia local axeitada e eficaz, con posibilidades dunha maior autodotación de medios.
E aínda así queda un problema que nos urxe resolver ós galegos e españois hoxe: evitar a captación clientelar das institucións, esmoucar a política de subvencións encamiñadas a cativar o voto e arranxar o sistema electoral de tal maneira que os cidadáns poidan rexeitar ó habitual dispensador de favores. E penso que debía fortalecerse o papel das Autonomías, pero sempre dentro dos límites, ben definidos, das súas atribucións, rompendo coa patrimonialización nacionalista, pero respetando ao máximo os seus patrimonios culturais, porque a suma de autonomías febles non pode nunca dar un Estado nacional rexo.

Rubal, Pedro