O Condado de Fenosa
X.X. - martes, 01 de junio de 2004
¡Mira que en Galicia temos tratado ben a Fenosa!
As mellores terras das veigas de Portomarín, foron sulagadas para que o embalse de Belesar acumulase a auga que movería as turbinas de producción eléctrica en calquera momento do ano.
Don Francisco (Franco), creou o Condado de las Fuerzas Eléctricas del Noroeste, e nomeou Conde de Fenosa ó financieiro Pedro Barrié de la Maza, creador desta empresa, extensible á súa dona Carmela Arias y Díaz de Rábago.
Pola súa banda, o Concello de Portomarín deulle o nome dos Condes á praza central da nova vila, nacida das cinzas do embalse.
Tan metida está Fenosa en Galicia que chegamos a considerar que era unha empresa nosa.
Pero agora resulta que Fenosa ven de perder o liderazgo das enerxías renovables en Galicia, investindo na nosa comunidade tan só o 13 por cento do seu total inversor, suspendendo a construcción da central de Sabón e non iniciando a segunda prevista. En cambio constrúe centrais en Sagunto, Palos de la Frontera, Aceca e Campo de Gibraltar.
Das tres grandes eléctricas españolas, Fenosa é a que menos vai investir en Galicia, a pesar de que de aquí son a metade dos seus clientes e a metade da enerxía que factura.
As razóns económicas nas que sen dúbida Fenosa se basa, teñen que ser moi poderosas, para que abandone así o seu condado.
Pero ¿eso quere dicir que o condado está de capa caída?.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora