Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia emerxente

martes, 04 de enero de 2011
Falabamos hai uns días da borrosidade galega e da posibilidade metafórica de que Galicia chegue a ser borrada da xeografía, coa axuda dos actuais gobernantes. Outros autores tamén se apuntan nesta corrente crítica. M.A. Murado afirma no seu libro Outra idea de Galicia que esta terra leva vinte anos con crecemento poboacional negativo e a súa taxa de fecundidade é das máis baixas de Europa. Conclúe: "aínda que improbable demograficamente, a fantasía pesimista dunha extinción absoluta dos galegos diríase que non está tan lonxe". Tamén X.M. Pereiro, nun artigo recente e facendo referencia á política actual, afirma que "Galicia non existe, só cargos coa mesma altura de miras que se gobernasen unha comunidade de veciños".

Máis, feito o diagnóstico, cómpre ollar o panorama con perspectiva e tentar manter o optimismo. Non podemos deixarnos contaxiar polas tendencias autolíticas dos actuais dirixentes. Como decía J.L. Sampedro nunha entrevista "son máis importantes as crenzas que as verdades". É preciso alimentar a confianza no futuro colectivo. O desánimo só serve para crear vitimismo e leva directamente á autodestrución.

Henrique Alvarellos publicou un precioso libro, Galicia en cen prodixios, no que fai un paseo visual por diferentes puntos da nosa xeografía que nos converten en territorio singular: desde o único río europeo que desemboca en fervenza (o Xallas) ata o faro máis antigo do mundo (a torrre de Hércules). O autor, impresionado polo seu percorrido, afirma: " Galicia é unha terra con claro porvir. Hai futuro, hai luz entre os ceos atoldados das longas invernías". Concordamos con el e podemos afirmar que hoxe Galicia é unha potencia nos sectores da confección, na pesca, na acuicultura, nos balnearios e augas termais, nos viños, na construción naval e na produción de enerxía eléctrica.

A pesar dos escépticos existe un empuxe empresarial descoñecido hai anos, e temos unha mocidade máis preparada que nas xeracións anteriores. Contamos, ademais, con xente emprendedora e comprometida na construción do país. Quero nomear aquí a Xosé González e Carmen Pérez Vaquero, que levan anos traballando arreo desde diferentes plataformas (Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Fundación Lois Peña Novo, Foro Enrique Peinador, Premios da Crítica de Galicia, etc...) co obxectivo de regaleguizar Galicia.

Forman parte da estirpe dos bos e xenerosos. Son da casta dos imprescindibles que sinalaba Bertolt Brecht. Así pois, como di o propio Pepe de Redondela nunha recente misiva de Nadal: "Non perdamos a ilusión na tarefa común de facer que Galicia sexa cada día máis galega".
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES