Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estado de Benestar e Caritas

martes, 28 de diciembre de 2010
Estado de Benestar e Caritas Compás social: Estado de Benestar e Caritas

Parecía imposible, parece incrible. Visto dende a sombra das torres financeiras de cristais opacos, dos pazos ministeriais, autonómicos e municipais, o Estado de Benestar español parecía sólido, firme e consolidado. Certo que na gran cidade algunhas persoas seguían pregando unha axuda en lugares transitados, persoas seguían durmindo a intemperie ou en pasadizos subterráneos, persoas seguían alimentándose nos cubos do lixo ou en discretos comedores sociais. E, ademais, na periferia moitos arrabaldes estaban, están convertidos en barro, chabolas e outras miserias sociais acumuladas. Por iso, os que fitábamos atentamente estes feitos, só con moitos reparos podíamos crer nese Estado de Benestar. Alí, mal que ben, xa estaba Cáritas cos excluídos do presunto benestar xeral. Os fundamentos da súa mística eran, seguen sendo sinxelos e firmes: ...“Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo” (Mt 22,39), medida xusta da equidade humana; e este outro criterio definitivo de avaliación relixiosa, ...“Quen no ama a seu irmán a quen está vendo, non pode amar a Deus, a quen nunca viu” (1Xn 4,20).

Aquela Cáritas asistencial para os mais débiles, decana dos servizos sociais da Igrexa, era fitada a veces e dende determinados grupos como una falsa solución para tapar supostas falsas conciencias. Non obstante, o Estado Autonómico e Municipal de benestar tamén foi creando os seus propios servizos sociais para situacións de extrema necesidade, con esquemas asistenciais parecidos ós da Igrexa. Cáritas e outras organizacións da Igrexa (Mans Unidas, Proxecto Home, etc.) non se quedaron mirando ao pasado. Fai décadas que Cáritas puxo o seu obxectivo neste slogan ou metáfora intuitiva: “non basta con dar un pez, hai que dar unha cana de pescar”. E dicir, crear asociacións, dar organización de grupo, formación humana, formación profesional e traballo digno. Mais a veces non hai peces (traballo), nin canas de pescar (formación humana e profesional) e moitas persoas ás que non chegou a Lei de Dependencia (anciáns, discapacitados, etc.) non teñen posibilidade, nin individual nin colectiva, de autososterse e avanzar. Por iso Cáritas seguiu e segue co traballo asistencial. Non é o ideal, senón respostas as necesidades reais inmediatas.

Case de súpeto as limitadas infraestruturas de Cáritas víronse desbordadas. O mais aparatoso, por visible e mediático, foi o desbordamento dos comedores sociais. O abanico de necesidades e peticións de axuda disparouse e diversificouse en pouco tempo. A memoria do ano 2009 e o documento “Cáritas ante a Crise”, describen con detalle as situacións de emerxencia e colapso que supuxo, está supoñendo o paro de catro millóns e medio de persoas, e o desamparo total de mais de un millón deles. A lista detallada das respostas puntuais de Cáritas é sinxelamente impresionante e interpela a sensibilidade de toda persoa de boa vontade.

Quedámonos todos pasmados, descolocados. As forzas políticas e sociais entraron en liza, espelindo e cribando as súas ideoloxías. Algúns dixeron que abrir comedores públicos sociais para os parados atenta contra a dignidade das persoas, esquecendo que máis dignidade quita a fame, o frío, o embargo da vivenda, etc. ¿Que vai a pasar co millón e pico de parados ós que lle quitarán os 426.- euros? Os responsables do benestar social, ao parecer, non dotaron de medios suficientes as institucións asistenciais do Estado, pois estas teñen que desviar as peticións as organizacións privadas. En consecuencia, ese último banzo dos parados queda a intemperie total. Ademais,detrás desa medida, -dedúcese de certa fraseoloxía mediática-, está a sospeita de que moitos parados e familias “acomódanse” a esa axuda de miseria, e a vez incorpóranse a economía somerxida.

A crise do Estado de Benestar está estruturándose e facéndose visible. No cumio una crase de grupos sociais privilexiados, sen a penas molestias. Logo unha ampla crase media con estratos baixos severamente zarandeados e algúns colectivos no limiar da pobreza. E na base da sociedade, neste intre de vacas fracas, ese crónico 10% ou 15% de poboación de aluvión, acumulado de antigas e novas pobrezas, que se converte nun 20% ou 25% de grupos empuxados a exclusión social, case de forma fatídica e irreversible. En tempos de abundancia o Estado benfeitor repartiu dádivas xenerosas, mais agora intenta aplicar un control administrativo rigoroso a eses estratos sociais inmersos na precariedade. Nos anos boiantes dirixentes e dirixidos somerxéronse máis na cultura do ocio e do consumo que na cultura da educación e capacitación profesional. Agora recollemos as consecuencias.

É o momento de sacar conclusións, sen engaiolar nin enganarse: o traballo asistencial é unha resposta válida en situacións de emerxencia e para atender a determinados grupos sociais sen posibilidades de autosostén. Pero todos sabemos que a medio e longo prazo non é a solución. O camiño está na educación, na formación profesional, na formación permanente, no esforzo continuado, na iniciativa privada e pública, na credibilidade da acción política, no traballo e máis traballo digno. Neses obxectivos hai que centrar, sen quedarse laiando fracasos, tódolos esforzos públicos e privados. Cáritas e outras organizacións, de orixe relixioso ou civil, parecen haber comprendido estes principios e loitan por levalos a práctica co admirable altruísmo do voluntariado. Se non se recupera a cultura do traballo valorado positivamente, dificilmente o Estado de Benestar poderá sustentarse sobre a cultura das mercés estatais e da cultura do ocio e consumo.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES