Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre o capón

viernes, 17 de diciembre de 2010
Os vilalbeses temos unha teima promocional do capón que nos debe vir da noite dos tempos, cando os devanceiros deron en capar polos para cebalos e transformar a súa carne magruda en produto senlleiro de gratísimo sabor.

Pouco importa que os pacentes animais ó perder os seus máis persoais atributos sufran merma irreparable, que non está a gastronomía para reparar en minucias. E o que se valora é que o polo sen esas persoais glándulas que segregan líquidos impertinentes, esquecerá instintos animais e sucumbirá a unha lasitude imposta, que o librará de ataduras e impediralle atender a outras chamadas da natureza máis ca o natural desexo de alimentarse e repousar.

Mentres noutros lugares variaron o paso, os vilalbeses soubemos manter esa tradición que permitiu ós nosos labregos pagar foros, aboar rendas e converterse alomenos unha vez cando o ano remata en señores dunha gastronomía peculiar e senlleira, á altura das mesas de pazos e mosteiros, onde sempre souberon apreciar o seu firme sabor.

En tempos, seguro que as novas xeracións, os nenos, foron aprendendo dos seus maiores a tradición e a querencia, e foron garantía de transmisión do coñecemento, do proceso, da afección, por esa ósmose perfecta que se produce na esfera familiar.

Agora, pode que nas casas onde se producen capóns sigan os pequenos obtendo información de primeira man do que un capón significa na nosa historia, na nosa tradición, e ata na nosa economía. Pero esa aprendizaxe vese potenciada, valorada, pola atención que o profesorado do Colexio Antonio Insua Bermúdez ven prestando a este tema, e cada exemplar da revista que o Colexio publica polo Nadal é un elemento perfecto de transmisión destes singulares coñecementos, e de valoración diante do público infantil desta artesanía racial cada vez máis puxante.

Sempre o capón foi actualidade en Vilalba. Sempre, o capón como elemento de riqueza, de progreso, de cultura, de identidade. Antes, polo peso do contorno, do ambiente, da tradición. Agora, pola querencia das xentes polo que lles é propio, e pola afortunada teimosía da comunidade educativa do Insua Bermúdez que fan do capón obxecto de estudo e de querencia dos rapaces. Por sempre, de Vilalba, o capón.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania